Nigrán retoma o cine de verán ao libre con catro sesións

O Concello de Nigrán retoma este ano o seu ciclo de cine de verán ao aire libre con 4 sesións que comezarán este martes 26 de xullo ás 22:30 horas con “El agente topo” na Praza do Concello. Trátase dun emotivo documental que amosa a un viúvo de 83 anos nunha misión encuberta que o leva a infiltrarse nun fogar de anciáns para ver se os maltratan.

A localización do cine de verán cambiará excepcionalmente o xoves 28 de Xullo como prolegómeno do Nigránjazz que arranca ao día seguinte, así, no mesmo escenario do esteiro de A Foz ás 22:30 horas proxectarase “Bird”, longametraxe de 1988 dirixida por Clint Eastwood que retrata a vida do saxofonista Charlie Parker, protagonizado por Forest Whitaker.

O martes 9 de agosto continúa na Praza do Concello con “Live is Life. La Gran Aventura”, película familiar de Dani de la Torre que narra o veraneo dunha familia galega emigrada en Cataluña no seu pobo natal no ano 1985. Rodri, o protagonista, protagoniza unha aventura cos seus cinco amigos na noite de San Xoán.

O ciclo finaliza o martes 16 de agosto con “A todo tren. Destino Asturias”, unha aloucada road-movie para toda a familia dirixida por Santiago Segura.