Nigrán forma á veciñanza desempregada para as futuras empresas do Centro Comercial Nasas

O Concello de Nigrán está actualmente a formar á veciñanza desempregada atendendo ao perfil laboral que nos vindeiros meses requirirán as empresas que se instalarán no Centro Comercial Nasas de Porto do Molle. Esta previsión e anticipación é posible grazas aos convenios de colaboración que precisamente con este obxectivo o alcalde asinou nas pasadas semanas con firmas como Merkal, Joma, Diverland, Sprinter, JYSK e ás que se sumarán nos vindeiros días Decathlon, Bureau Valle ou Kiabi. Así, esta semana preto de 60 veciños e veciñas de Nigrán desempregados iniciaron os cursos gratuítos de Repoñedor, Caixeiro e Atención ao Público e o vindeiro mes o Concello ofrecerá de Manipulador de Alimentos e de Carretilleiro, que se sumarán a outros novos de perfís que vaian demandando as empresas. Todos os participantes pasarán a formar parte da Bolsa de Emprego do Concello á que as empresas, froito deste convenio, recorrerán para obter candidatos idóneos. Precisamente, o recentemente aberto Burger King en Porto do Molle, non pertencente a Nasas, recorreu á Bolsa de Emprego para cubrir parte dos seus 25 postos de traballo.

“Contamos con asinar convenios co 100% das empresas porque, a priori, están moi interesadas en contar con veciños de Nigrán porque supón unha garantía de estabilidade e continuidade desa persoa no seu posto de traballo”, explica o alcalde, Juan González, quen agradece a labor de intermediación de José Antonio García, director xeral de López Real 21, grupo promotor do Centro Comercial Nasas (cuxa apertura está prevista para decembro deste ano) e quen sempre destacou o seu compromiso co Concello de Nigrán para que a riqueza xerada reverta directamente no municipio.

Esta superficie comercial e de ocio familiar será a gran novidade de 2022 en toda España, non contemplándose ata entón a apertura de ningunha similar. Ocupa unha parcela de 60.000 m² desenvolvéndose en máis de 30.000 m² que darán cabida a 30 locais; cun investimento de 55 millóns de euros e xerando máis de 350 empregos directos, 150 indirectos e 270 operarios actualmente en fase de obra. “A apertura de Nasas significa a xeración de riqueza para Nigrán e a posibilidade de que atopen traballo veciños con perfís laborais diferentes aos que ata agora eran habituais neste parque empresarial altamente tecnolóxico”, explica o rexedor, quen incide tamén na porta que se abre para as persoas discapacitadas porque as grandes empresas buscan tamén cubrir estes postos destinados especificamente para elas.