Nigrán volve ofrecer o programa “Música nas Parroquias” para festexar Santiago e Santa Ana en Parada

O Concello de Nigrán colabora a través do seu programa “Música nas Parroquias” coa comisión organizadora das festas patronais de Santiago e Santa Ana de Parada para ofrecer diferentes actuacións o luns 25 e martes 26 de xullo. Así, aínda que as festas arrancan o domingo 24 ás 22:00 horas con “Os Carunchos”, o martes o Concello achega a Unión Musical de Belesar con pasarrúas ás 10:00 horas e concerto despois da Misa Solemne, e xa pola noite a verbena coa Orquestra La Dimensión e o Trío D´Líder. Ao día seguinte, martes 26 de xullo, o Concello ofrece o concerto da Orquestra Saudade pola noite, que se complementa coa Banda de Música do Val Miñor contratada desde a comisión.

O Concello inviste a través de “Música nas Parroquias” máis de 60.000 €, destes cartos, a Deputación de Pontevedra achegará 10.000 € a través da Liña 2 do Plan Concellos. A seguinte cita será O Carme de Lourido o 31 de xullo, San Fiz de Nigrán o 1 de agosto, Virxe das Angustias de Nigrán o 21 de agosto, San Roque de Camos o 24 de agosto e, finalmente, Bo Xesús de Priegue o 4 de setembro.

“Iniciamos este programa co Covid-19 para poder manter as festas pese á ausencia de comisións organizadoras e apostamos pola súa permanencia para garantir a pervivencia das festas tradicionais de Nigrán porque son os verdadeiros días de celebración conxunta da veciñanza e de ledicia en cada parroquia”, resume o alcalde, Juan González.

Semana Cultural de Parada

Por outra banda, o Concello de Nigrán colabora tamén nesta parroquia coa tradicional Semana Cultural do CCR Parada do Miñor, que terá lugar ata o día 23 de xullo, achegando varias das actividades programadas, como a “Festa do Sombrerero Loco”, etc.