Gondomar dota de wifi gratuíto espazos e edificios públicos do municipio

O centro urbano de Gondomar conta xa con dez puntos de acceso á rede inalámbrica da internet facilitando así cobertura a diferentes espazos públicos e inmobles municipais e o acceso gratuíto a quen se atope na súa liña de alcance. “Desde o noso goberno temos o compromiso firme de dotar a todo o concello das mellores comunicacións, un obxectivo no que seguimos traballando sen descanso”, manifestou o alcalde, Paco Ferreira, quen entende positiva a subvención de 15.000 euros lograda dos fondos europeos para dotar de wifi gratis espazos moi frecuentados pola veciñanza. Avánzase así na conectividade do municipio, obxectivo prioritario do programa europeo, facilitando o acceso a internet en espazos públicos que no caso de Gondomar serán os parques da Coelleira e As Cercas, a Biblioteca Municipal, a Praza Paradela e a Praza de Escolas Vellas.

Programa “Wifi4EU”

Gondomar foi un dos concellos españois que optou ás axudas europeas do programa “Wfi4EU”, logrando unha subvención de 15.000 euros para financiar a instalación de conexións wifi gratuítas de alta velocidade nos espazos públicos. Asume así a UE o 60% do orzamento da instalación dos dez novos puntos de conexión, aos que se sumaron 12.000 euros por parte do goberno local para definir o proxecto, seleccionar a empresa que se encargou das instalacións e garantir o seu mantemento a lo menos durante cinco anos. Para a súa utilización só hai que conectarse a rede chamada “Wifi4Eu” en calquera dos lugares indicados, aceptar os termos legais e dende ese momento calquera cidadán poderá desfurtar de conexión WiFi de alta velocidade. Así mesmo o goberno local dotou do mesmo sistema de conexión inalámbrica á rede o salón de plenos, sito na Casa da Cultura, que estará dispoñible tanto para os membros da corporación municipal como para o público que asista ás sesións plenarias.