O camiño portugués en cifras de récord

Segundo informa Ángel Alonso González, investigador da Universidade de Vigo, que está a realizar a súa tese doutoral sobre o tema, o pasado mes de xullo percorreron o Camiño de Santiago Portugués e pola Costa un total de 3.936 peregrinos, o que supón un máximo con respecto ao 2019, ano de maior número de peregrinos ata a data no que se contabilizaron 3.157, en cifras oficiais do Arcebispado.

A recuperación deste roteiro do camiño está a ser notable e a falta do peche deste curso poderíase marcar un novo máximo. Seguindo a fonte oficial do Arcebispado de Santiago (compostelas-credenciais efectivamente entregadas) e redondeando a miles de peregrinos, no ano 2019 déronse 22,3 miles o que supón o teito, no 2020 só 2,9 miles, recuperándose parcialmente (7,9 miles) no 2021. Este segundo ano do bienio santo 2021-2022 aínda sen pechar podería marcar un novo máximo ou en todo caso cifra próxima, co que a recuperación seria total ou case.

“Lembremos que cabe esperar aínda un bo número de peregrinos, máis aínda se temos en conta que no outono son mellores datas para peregrinar, sen os rigores da calor, agravados pola onda que estamos a sufrir. O Camiño de Santiago Portugués pola Costa supón unha das poucas diversificacións dun turismo excesivamente dependente do sol e praia”, apunta Ángel Alonso.

Este Camiño Portugués pola Costa segundo a versión eclesiástica entra en Galicia pola Guarda (cruzando o Miño en Ferry ou barco), O Rosal, Oia, Baiona, Nigrán, Vigo e se xunta en Redondela co Camiño Portugués central cara a Pontevedra e Santiago. “É importante a creación e mantemento de infraestruturas nesta zona, basicamente ferry e albergues, para o desenvolvemento e crecemento da actividade”, conclúe o investigador de Universidade de Vigo.