Nigrán ofrece no escenario do esteiro de A Foz “Porcos do país” de Teatro do Ar

Como cada verán, o Concello de Nigrán aposta por encher os seus espazos naturais de teatro. Por iso este venres 22 de xullo ás 21:00 horas a compañía local Teatro do Ar representará a súa comedia “Porcos do país” no escenario do esteiro da Foz do Miñor (A Ramallosa). Será a primeira escenificación dun ciclo que tamén levará ao grupo a Camos e As Angustias durante o mes de agosto.

“Porcos do país” é unha comedia, preferiblemente para maiores de 8 anos, que nos presenta ao Padre Muñoz, un crego da aldea de Eiriñas que soña con ser inmortal e rexentar un albergue de peregrinos do Camiño de Santiago na súa igrexa. Para elo, terá que loitar contra unha meiga, contra dous cazatesouros e contra os seus propios fillos. Todo por non chegar nunca ao ceo… ou ao inferno.

Dende Teatro do Ar explican que “Porcos do país” é unha comedia absurda con personaxes que “co seu sufrimento nos van facer rir e escoller bando”, e animan a todos e a todas a asistir a un escenario natural tan bonito e onde o “teatro brilla aínda máis”.