
Despois dos anos de pandemia e confinamentos Manifesto Miñor volve organizar na comarca a celebración do 25 de xullo, “Día da Patria”, de maneira aberta a toda a veciñanza do Val de Miñor que queira compartir unha tardiña de compromiso con Galicia, mais tamén unha xornada de confraternización e unidade “que tan necesaria é”.
O acto terá lugar, un ano máis, no Pazo da Escola en Mañufe este venres, día 22 ás 21:00 horas e dirixiranlle a palabra aos asistentes tres persoas veciñas de recoñecido prestixio e brillante oratoria: a escritora e profesora da UVIGO, Rexina Vega; o historiador e activista cultural e polifacético Xose Lois Vilar, e a catedrática xubilada da UVIGO Camiño Noia. Ao remate haberá un viño do País e petiscos.