O 26 de marzo de 2022 realizouse un encontro para familias e afectados da enfermidade de Huntington. Neste, un grupo de profesionais sanitarios mostrou os estudos e avances máis recentes sobre esta enfermidade.
A enfermidade de Huntington é unha enfermidade xenética neurodexenerativa cuxos síntomas adoitan empezar a manifestarse ao redor dos 40 anos, aínda que non é estraño o Huntington xuvenil. Os pacientes van sufrindo unha diminución das súas capacidades motoras, cognitivas e provoca trastornos psiquiátricos. Estímase que en España hai máis de 4.000 persoas afectadas.
Ata a data, a enfermidade non ten cura e os tratamentos farmacolóxicos limítanse a mitigar os seus síntomas. A terapia ocupacional axuda de forma moi positiva a este tipo de enfermos, xa que, dada a natureza desta enfermidade os trastornos depresivos son habituais e provocan un illamento paulatino dos afectados.
Neste encontro púxose de manifesto a necesidade dunha Asociación Galega que dea voz á familia Huntington da nosa comunidade e tente coordinar con outras asociacións nacionais a formación dunha rede específica para facilitar o acceso a toda a información relacionada con esta enfermidade.
O próximo día 31 de xullo, na Asociación Eixotolo en Camos (Nigrán), realizarase unha comida solidaria onde se presentará a Asociación Huntington Galicia. Os asistentes poderán gozar dunha churrascada con porco ou tenreira, criollos, chourizos, bebida, sobremesa e café. Máis información no teléfono 648179389 ou no correo huntingtongalicia@gmail.com.

