Baiona saca a licitación a remodelación do Paseo Pinzón por 1,7 millóns

O Concello de Baiona sacou a licitación o contrato de obra para a Remodelación da Contorna do Paseo Pinzón para unha reforma integral tras 40 anos por un valor de 1.744.006,88 con IVE. O proxecto será cofinanciado xunto coa Deputación de Pontevedra, que achegará 840.000 euros ao abrigo do convenio pactado en xaneiro dentro do plan Reacpon, mentres que os 906.000 restantes correrán a cargo de Remanente de Tesourería que xa foron reservados no pleno ordinario do mes de marzo.

O Alcalde considera urxente actuar neste recinto peonil de algo máis de 6.000 metros cadrados para frear o afundimento do terreo, que se agrava tras máis de corenta anos de acción do mar sen mantemento. A transformación será total e a solución se levará a cabo de acordo ao estudo xeotécnico e topográfico realizado na zona para modernizar unha das áreas de recreo máis concorridas da vila, especialmente os días de marusía para observar a ondada.

O proxecto contempla renovar o recheo e dotalo cunha cámara de aire para acabar cos afundimentos do terreo. As obsoletas baldosas da superficie serán substituídas por formigón puído coloreado. Crearase unha zona de xogos para os máis pequenos e zonas verdes. Tamén se renovará toda a iluminación, apostando pola máis eficiente.

A intención do Alcalde, Carlos Gómez, e o Concelleiro de Urbanismo, Víctor Muñoz, é resolver o concurso do proxecto nos próximos días, para iniciar as obras despois do verán. Prevese que teñan unha duración de polo menos oito meses. “O balcón ao Atlántico do noso municipio, unha zona na que se pode ver unha das mellores postas de sol do mundo, será máis accesible e moderna para gozar dela durante todo o ano”, resalta o Alcalde.

A reforma integral do Paseo Pinzón será a primeira fase dun plan de reordenación de todo o ámbito situado entre as praias urbanas da Concheira e A Ribeira. “Queremos redefinir toda esa área dividida en tres espazos illados. Empezamos polo Paseo Pinzón porque é o máis urxente, pero abordaremos tamén A Palma e o paseo Ribeira para convertelos nunha contorna unificada, esteticamente homoxénea que conserve o carácter histórico e o uso deportivo e de lecer”, finaliza o rexedor.