Lucenza-Ateneo de Nigrán reclama a retirada da simboloxía franquista das igrexas parroquiais

Coincidindo co aniversario do golpe militar do 18 de xullo de 1936, Lucenza-Ateneo de Nigrán vén de enviar unha carta ao Bispo de Tui, Luis Quinteiro Fiuza, reclamándolle compromiso e cooperación para a retirada da simboloxía franquista presente aínda en todas as igrexas parroquiais do municipio. Trátase de placas e inscricións colocadas nos muros exteriores das igrexas, nas que figura o nome do dirixente falanxista José Antonio Primo de Rivera e mesmo nalgún caso o símbolo fascista do xugo e as frechas, ademais de referencias aos “caídos na Cruzada de 1936 a 1939” e o “Ano da Vitoria”, o que supón un claro enaltecemento do bando franquista.

Para Lucenza estas simboloxías son elementos contrarios á memoria democrática, proxectados a espazos de uso público e que supoñen un agravio permanente ás vítimas da represión exercida na comarca polos golpistas do 36 e polo réxime da ditadura franquista. Por iso o Ateneo de Nigrán solicita ao Bispado, como xesto claro de compromiso democrático, que tome a iniciativa da retirada deses símbolos ou solicite canto antes a cooperación das administracións públicas para dito cometido. Lembra o Ateneo que xa en 2014 a Corporación municipal de Nigrán considerou oportuno solicitar á Diocese de Tui-Vigo o cumprimento da Lei de Memoria Histórica no seu patrimonio de Nigrán, mais nestes oito anos en nada ten cambiado a situación.

Lucenza fai un chamamento ao Concello de Nigrán para que, tamén dende esta institución, se realicen todas as xestións necesarias co Bispado co obxectivo de colaborar e axilizar a retirada efectiva destes símbolos, acordando e esclarecendo todas as cuestións que sexan precisas (elaboración de proxectos de intervención, plan de financiamento dos traballos, obtención das autorizacións e informes de patrimonio pertinentes, etc.). Lucenza ofrece a súa modesta colaboración en todo aquilo no que poida ser útil e desexa que o Bispado tome as decisións oportunas para acabar con este agravio e avanzar así na superación progresiva desta páxina negra da Historia.

Pódese consultar a carta enviada ao Bispado na páxina de Facebook de Lucenza Ateneo de Nigrán, ademais dun dossier fotográfico das placas e inscricións existentes nas igrexas parroquiais do municipio.