Baiona programa toda unha semana de actuacións dedicadas a Galicia

Como xa leva facendo dende fai tres veráns, na antesala da celebración do Día de Galicia, dende o Concello de Baiona, a través da Concellería de Cultura, apostan por marcar esa data e programan para o venres 22 un concerto de Mercedes Peón. Rubén de Lis ofrecerá o día antes (xoves 21) o concerto “Vota a Galicia en 6 cordas” ás 21:30 horas na Praza do Concello, e a música continuará o sábado 23 da man de Abóbriga, á mesma hora e no mesmo lugar, e o domingo 24 a actuación da Asociación Folclórica Vila de Baiona. O propio día 25 ás 12:00 horas farao o grupo de integración Ardelume de Baíña.

Non haberá que esperar á fin de semana para desfrutar da axenda cultural Baiverán. Mañá mesmo os Xardíns da Casa da Navegación acollerán ás 21:30 horas o espectáculo familiar “C’est pas Posible” e ás 23:00 na Praza do Concello poderá visionarse a película de animación “Raya y el último Dragón”.

O mércores celébrase Santa Liberata. Ás 11:00 horas celebrarase unha primeira misa na capela que leva o seu nome. Pola tarde, ás 20:00 horas, celebrarase a Misa Solemne na Igrexa de Santa María de Baiona cantada polo coro parroquial. Acto seguido terá lugar a procesión, acompañada polo Grupo de Gaitas “A Seneira” e a Banda de Música de Baiona. Este mesmo día ás 21:30 haberá un concerto da Coral San Lourenzo de Belesar na Praza do Concello.

O 23 e 24 de xullo celebraranse as festas patronais de Santa Cristina da Ramallosa.

Despois do festivo, volven á Praza do Concello as actuacións dos grupos da vila. O vindeiro martes 26 terá lugar a actuación do grupo de baile “Dando la nota” ás 21:30 horas. E ás 23:00 horas o cine volve, pero nesta ocasión farao na Praza Victoria Cadaval de Sabarís coa película “Los Croods 2, una nueva era” programada para las 23:00 horas.