Baiona agradece a entrega dos servizos de extinción e a axuda dos veciños

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, quere agradecer en nome da localidade o traballo e a entrega dos servizos de extinción de incendios, ao GES do Val Miñor, á Policía Local de Baiona, Protección Civil Val Miñor, que están a traballar sobre o terreo para combater o lume que devasta a parroquia de Baredo, así como a resposta “solidaria, rápida e desinteresada” dos baioneses e baionesas.

O rexedor eloxia o labor de todas as institucións, colectivos, empresas e veciños e veciñas das parroquias afectadas polo incendio “que mostraron a súa solidariedade prestando a súa axuda de maneira voluntaria, dando exemplo de altura, consecuentes coa transcendencia dos feitos acontecidos no noso municipio”.

O lume no Concello de Baiona, parroquia de Baredo, iniciouse sobre as 00:39 horas desta madrugada. A esta hora as estimacións sinalan que afecta a unha superficie de ao redor de 50 hectáreas. No seu control traballan 1 técnico, 4 axentes, 10 brigadas, 8 motobombas, 1 pa e 1 tráiler cisterna. Pola súa banda o Concello de Baiona puxo ao dispor dos efectivos un camión cisterna. O GES do Val Miñor desprazou efectivos á zona e o seu camión. Nestes momentos o incendio está controlado.

Desde o Concello de Baiona e a Consellería do Medio Rural lembran que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.