Un centenar de mozos da diocese de Tui-Vigo participarán como voluntarios na Peregrinación Europea de Jóvenes

Grupo de voluntarios da diocese de Tui-Vigo no encontro do 2 de xullo en Santiago.

Do 3 ao 7 de agosto de 2022, en Santiago de Compostela, un centenar de mozos de distintas realidades da diocese de Tui-Vigo participarán na Peregrinación Europea de Jóvenes (PEJ) como voluntarios encargados de acoller a máis de 10 mil peregrinos de España e Europa nun gran encontro para celebrar o Ano Santo Compostelán, que organizan a arquidiocese de Santiago de Compostela, en colaboración coa Subcomisión de Xuventude e Infancia da Conferencia Episcopal Española.

O pasado sábado, 2 de xullo, todos os voluntarios de Galicia reuníronse por última vez no Seminario Menor de Belvís (Santiago de Compostela) para ter o seu último encontro formativo do ano previo á PEJ. Segundo explica a viguesa Elena Fernández, unha da coordinadoras da área de voluntariado, esta será unha experiencia cargada de actividades -catequeses, concertos, obradoiros, etc.- que contribuirá ao crecemento espiritual de todos os mozos participantes, xa sexan peregrinos ou voluntarios, dispostos a construírse e compartir momentos con outros mozos de toda Europa.

Na Provincia Eclesiástica de Galicia, formada polas dioceses de Santiago de Compostela, Mondoñedo-Ferrol, Tui-Vigo, Lugo e Ourense, convidouse os mozos a participar como voluntarios para acoller e acompañar aos peregrinos que chegarán a Compostela peregrinando polos diferentes camiños. Na actualidade, cóntase cun total de 431 voluntarios rexistrados que pertencen ás cinco dioceses galegas: 222 da Arquidiocese de Santiago de Compostela; 97 da diocese de Tui-Vigo; 44 de Mondoñedo-Ferrol; 21 de Lugo; e 20 de Ourense; os 27 mozos restantes pertencen ao colexio católico San José de Cluny.

Cada Ano Santo, desde 1989 tras a visita do papa San Juan Pablo II a Santiago con motivo da Jornada Mundial de la Juventud -que se realizaba por segunda vez fóra de Roma-, a arquidiocese de Santiago de Compostela celebrou unha Peregrinación Europea de Jóvenes que, co paso dos anos, foi crecendo en participación. Nun primeiro momento, a celebración da PEJ estaba prevista para agosto de 2021, pero tivo que aprazarse debido ás consecuencias da pandemia da covid-19 e grazas á prórroga concedida polo Papa Francisco á arquidiocese compostelá para celebrar o Ano Santo.

Foto de familia dos máis de 400 mozos voluntarios da PEJ.