O GALP Ría de Vigo-A Guarda chama á cidadanía a participar na elaboración da nova EDLP

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da Ría de Vigo-A Guarda está a traballar na elaboración da nova Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) e para iso quere contar coa opinión do sector pesqueiro, social, económico e da cidadanía no seu conxunto, dos municipios da súa área de influencia (Cangas, Moaña, Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Vigo, Nigrán, Baiona, Oia, O Rosal e A Guarda).

No marco da planificación estratéxica 2022-2027 e como ferramentas do proceso participativo aberto aos actores do territorio, lévanse a cabo diversas accións mediante as cales poidan contribuír e influír no proceso de toma de decisións da construción da estratexia. Por unha banda, as entidades, axentes e persoas interesadas poderán responder á seguinte enquisa co obxectivo de impulsar a reflexión e posta en común sobre a relevancia dos eixos xeradores de cambio e de dispoñer dos datos nunha contorna dixital que permitirá a súa análise dun xeito máis eficiente. A enquisa foi deseñada para obter información sobre tres grandes bloques, baseándose na Guía de orientación da Consellería do Mar: transformación dixital, transformación ecolóxica e sostibilidade.

Outra das actividades que o grupo poñerá en marcha é unha batería de mesas participativas, nas que se abordarán os mesmos temas, co propósito de detectar as necesidades do territorio e definir as liñas de financiamento prioritarias para a zona do GALP Ría de Vigo-A Guarda. A primeira mesa celebrarase o 20 de xullo ás 18:45 horas na Casa da Cultura de Vilaboa, a segunda o 21 de xullo ás 10:00 horas no Multiusos Ángel Bedriñana de Baiona e a terceira o 22 de xullo ás 10:00 horas no Edificio Virxe do Carme do Porto de Vigo. A duración das mesas será de dúas horas e media aproximadamente e recoméndase que as persoas interesadas confirmen asistencia, indicando o seu nome e o lugar da mesa na que van participar. Poden facelo chamando ao teléfono 986 358 109 ou enviando un correo electrónico a galpvigoaguarda@yahoo.es.