Sufocado un conato de incendio en Vilaza

Ás 19:20 horas da tarde deste martes declarouse un conato de incendio forestal na parroquia gondomareña de Vilaza, moi próximo ao campo de fútbol municipal de As Gaiandas e ao Instituto Terra de Turonio. Segundo informaron desde a Consellería do Medio Rural, as chamas afectaron a 0,08 hectáreas de monte arborizado, e déronse por sufocadas ás 2:04 horas do mércores. Na súa extinción participaron tres axentes forestais, seis brigadas e catro motobombas. O alcalde da localidade, Paco Ferreira, destacou a rápida intervención dos veciños, da Policía Local e do GES do Val Miñor. Así mesmo informou de que a Policía Local e a Garda Civil traballan na investigación para esclarecer os feitos.