Gondomar pecha cinco intensos días de tradición, música, baile e festa

As festas patronais de Gondomar culminaron este martes coa xornada dedicada a San Antonio. Pasadas as 18:30 horas comezaron as tradicionais “poxas”, reunindo a un numeroso grupo de veciños e veciñas no adro da Igrexa de San Bieito a pesar da intensa calor. Carlos Riveiro, coñecido como Carlos de Gondomar, foi o encargado das poxas, tal e como o leva facendo desde fai máis dunha década. Durante dúas horas, ofrecéronse produtos doados directamente polos veciños da Vila Condal, na que é unha actividade moi arraigada, que leva máis de medio século celebrándose ininterrompidamente.

Os asistentes puidéronse levar para casa produtos do campo por entre 15 e 25 euros, coellos por entre 25 e 50, galos por entre 30 e 60 euros ou unha participación da ONCE por 20. Destacou unha folla de bacallau, de 3,4 quilos, que foi adquirida por 100 euros, e unha imaxe da Virxe do Pilar bendicida na Basílica do Pilar de Zaragoza, doada por un maño que todos os anos visita Gondomar, que alcanzou os 110 euros. Todo o recadado será destinado para o pan dos pobres de San Antonio.

Seguidamente ás 20:30 horas celebrouse a Misa Cantada e posterior procesión de San Antonio, acompañada pola Banda de Gaitas Balcón do Val Miñor. Pola noite, a orquestra Saudade foi a encargada de poñer o colofón a cinco intensos días de tradición, música, baile e festa.