A Deputación reparte 8.000 € de axudas para catro proxectos de dinamización do galego no Val Miñor

Un total de 62 entidades sen ánimo de lucro veñen de ver aprobadas as axudas do departamento de Lingua da Deputación de Pontevedra, que neste ano ascenden a 120.000 euros, para realizar actividades de dinamización do galego na provincia de Pontevedra.

No caso do Val Miñor, a contía é de máis de 8.000 euros para o Centro Cultural e Social de Baíña, para a conmemoración das Letras Galegas; para a asociación folclórorica Ardelume co fin de gravar un videoclip dedicado ás persoas emigrantes de Galiza; a Asociación Cultural San Vicente de Mañufe, para o VI certame literario Verbas Novas; e á Fundación Carlos Casares para a IV edición da itinerancia da exposición “Sorrisos por un mundo. O humor en Carlos Casares”.

Ademais, recibiron as achegas provinciais na comarca de Pontevedra seis colectivos. No resto da provincia foron beneficiarias 22 entidades da comarca de Vigo, outras 11 da comarca do Morrazo, seis na comarca do Salnés, tres no Condado-Paradanta e sete no Deza; unha en comarca de Caldas, e catro no Baixo Miño.

A responsable provincial de Lingua, María Ortega, manifestou a súa satisfacción polo alta concorrencia e interese das entidades en fomentar actividades de dinamización lingüística, xa que dixo, “resultan cruciais para favorecer o coñecemento, posta en valor e uso da lingua galega por parte da cidadanía e en todos os ámbitos”.