Os participantes do proxecto “Vincúlate” reciben a visita de usuarios do Centro de Día de Vigo

As persoas participantes no proxecto “Vincúlate” do Concello de Baiona recibiron unha visita moi especial: a das persoas usuarias do Centro de Día de Vigo que colabora con AFAGA (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia). Durante a xornada realizouse un intercambio de experiencias moi frutífero entre os nenos, nenas e adolescentes coas persoas maiores do centro de día. Xunto con estes, tamén foron protagonistas do día os animais que forman parte da terapia de “Vincúlate”.

Unha actividade moi especial para todas as persoas implicadas á que acudiu a concelleira de Servizos Sociais do Concello de Baiona, Conchy Vara, e a educadora familiar do Concello de Baiona, Arantxa Rial. O Proxecto Vincúlate, no que participan mozas e mozos de entre 4 e 18 anos, ten a súa base na terapia con cans que foron abandonados. Unha terapia onde a súa fórmula e obxectivo busca aumentar a súa confianza e axudar a mellorar as súas capacidades sociais e de comunicación.

O proxecto propón que apadriñen a un can, adéstreno e acompáñeno no proceso de acollida ou adopción por unha familia e durante este camiño, en paralelo e mediante o desenvolvemento dun programa de actividades, os menores traballen a súa intelixencia e comunicación emocional. Todo iso a través de “ADA”, entidade destinada ás intervencións asistidas con animais e a mellora da calidade de vida das persoas a través da súa relación coa contorna natural.