Unha “performance” de concienciación contra as violencias machistas

A rede de mulleres Marea Feminista de Nigrán deuse cita o pasado venres na Praza do Concello para realizar unha “performance” titulada “O Feminismo sálvanos”. Nesta representación ponse de manifesto a necesidade de sensibilizar á sociedade e institucións contra as violencias machistas, en ocasións normalizadas ou invisibilizadas, e no apoio ás vítimas. “Crear conciencia feminista desde a infancia é a única ferramenta de prevención de actitudes machistas coa que chegar a conseguir unha sociedade igualitaria e preocupada pola erradicación desta terrible problemática social”.

No acto de protesta leuse o poema “Mi miedo” de María Isabel Fernández Ruiz, que narra a dura realidade que sofren as mulleres maltratadas e os seus fillos/as. Tamén gardouse un minuto de silencio polas 24 asasinadas no que vai de ano en mans da violencia machista. Con esta acción, o grupo de activistas comeza unha serie de iniciativas feministas que se farán ao longo do ano. Animan a todas as persoas que queiran participar neste movemento a unirse ao grupo de Facebook Marea Feminista de Nigrán.