O coro canario “Ainur” gaña a primeira edición do certame de corais “Ars Canendi” de Nigrán

O Coro de Cámara Ainur (Illas Canarias) resultou o gañador do I Certame Internacional de Música Coral “Ars Canendi: As voces no Camiño” organizado polo Concello de Nigrán o pasado 2 de Xullo na Igrexa de San Fiz (Nigrán). O conxunto de Las Palmas de Gran Canaria tamén obtivo o premio especial de 500 € á mellor interpretación dunha obra composta para a ocasión, “Ave Maris Stella”, de Javier Fajardo. Pola súa banda, o segundo posto foi para a coral Santiago Apóstol (Madrid) e o terceiro para “Coro Encanto”, sección xuvenil deste último. O xurado estará formado polos prestixiosos directores de coro Nuria Fernández, Joan Company, Javier Fajardo, Javier Domínguez e a mezzosoprano Nuria Lorenzo, encargados tamén de entregar os premios.

A concelleira de Cultura, Nuria Lorenzo, directora a súa vez do coro Gli Appassionati, amósase moi satisfeita deste primeiro certame ao “converter a Nigrán nun referente nacional e mesmo internacional da música coral de calidade” ao tempo que se propicia o intercambio de estilos, interpretación, educación vocal e diferentes maneiras de entender a música coral.