Nigrán ofrecerá durante todo o verán “Ioga e Meditación no Solpor” na Praia de Patos

A maxia da Praia de Patos para acadar paz espiritual e física a través do Ioga. Con este obxectivo o Concello de Nigrán ofrecerá quincenalmente a partir deste martes 12 de xullo ás 20:30 horas na Praia de Patos “Ioga e Meditación no Solpor” a cargo do gran mestre internacional Madhana, pioneiro nesta disciplina en España, introdutor en Galicia e fundador e director do Centro Sananda en Vigo.

O célebre yogui realizará unha demostración e posterior clase iniciática gratuíta aberta a toda aquela persoa que desexe participar, non sendo preciso inscribirse previamente, tan só presentarse no areal cunha toalla ou esterilla, botella de auga e protección solar. As citas con “Ioga e Meditación no Solpor” serán: 12 e 28 de xullo e 9 e 30 de agosto no propio areal e sempre ás 20:30 horas para que coincida co sorprendente solpor de Patos.

“O pasado mes de maio realizamos esta actividade aproveitando a convivencia sobre Ioga e Meditación na Residencia de Tempo Libre e tivo tanto éxito que non dubidamos en repetir porque ademais así nolo pediron os asistentes”, explica o alcalde, Juan González, quen destaca “a marabillosa combinación do enclave coa propia actividade”.

“Queremos de maneira desinteresada e altruísta ofrecer este encontro na busca de maior equilibrio entre mente e corpo. Non existe outro beneficio que o do ioga mesmo, por iso animamos a toda aquela persoa interesada a que acuda ao encontro”, invita Madhana Agulla, gran mestre acostumado a impartir cursos a nivel internacional e formado co profesor Rama Chandra Filosofía na India na Universidade Mysore.