Alberto Meira, ante unha das mellores oportunidades do ano para lograr o triunfo

O Rallye Sur do Condado será a quinta cita da tempada no Campionato Galego de Rallyes, onde Alberto Meira buscará a súa ansiada primeira vitoria dentro da presente campaña. Será nun escenario que foi o seu feudo durante moitas edicións, logrando nada menos que seis vitorias, a última colleitada en 2018.

Unha proba que estará marcada pola intensa calor que se espera, con temperaturas que rozarán os 40 graos e que significarán un nivel de esixencia importante para os pneumáticos Pirelli. Alberto Meira terá ante si a dous duros rivais, aos que xa se enfrontou en moitas ocasións, por tanto a marcaxe entre eles será clara desde o primeiro quilómetro

Para o piloto de Gondomar esta é unha das citas máis esperadas do ano: “O Sur do Condado sempre é un rallye moi importante, porque a maioría dos nosos patrocinadores son da zona e por tanto queremos facer un bo papel diante deles e se é unha vitoria mellor aínda. Os tramos son coñecidos para todos e daremos o mellor do noso equipo para tentar subir ao máis alto do podio en Salvaterra”.

A cita salvaterrense seguirá fiel á súa configuración das últimas edicións con nada menos que seis especiais a dobre pasada nunha intensa xornada de sábado, que ditará quen leva o triunfo da proba que marca o ecuador e que será ademais a penúltima do ano con coeficiente máximo.