Ainhoa Repáraz finaliza a súa participación no Europeo Sub-18 cun bronce co seu equipo de relevos

A atleta da Sociedade Atlética Val Miñor, Ainhoa Repáraz, adestrada por Óscar Fernández, dá por finalizada a súa magnífica actuación no Campionato de Europa Sub-18 de atletismo celebrado en Xerusalén, cunha medalla de bronce. Nesta ocasión, logrado despois dunha soberbia actuación xunto ás súas compañeiras do relevo 4×100, 200, 300 e 400 ml. Estas 4 magníficas atletas pararon o crono en 2:08.80, quedándose a tan só 2 centésimas do récord de España, da categoría. Desde o seu club, a Sociedade Atlética Val Miñor, non poden estar máis orgullosos da súa atleta, unha nena á que viron crecer, tanto a nivel persoal como a nivel deportivo.