Bodegas La Val pon á venda a quinta edición da súa vendima solidaria para recadar fondos para DisCamino

Bodegas La Val, unha das marcas pioneiras da Denominación de Orixe Rías Baixas, puxo á venda o Albariño “La Val Solidario 2021”, unha Edición Limitada de 200 botellas, resultado da Vendima Solidaria do pasado setembro, á que acudiran representantes e membros de DisCamino que uniron forzas co equipo de Bodegas La Val para vendimar xuntos.

Esta mañá acudiron a Bodegas La Val, para a presentación do albariño La Val Solidario 2021, representantes e voluntarios da entidade elixida para esta acción, DisCamino. Trátase dun proxecto vigués que axuda a persoas con discapacidade a facer o Camiño de Santiago utilizando vehículos adaptados.

Esta iniciativa de carácter social ten por obxectivo colaborar cunha asociación a través dun donativo económico. A idea é facer partícipe a un colectivo na creación dun viño solidario, desde a vendima ata que sae á venda o mesmo, e que sexan eles os que deseñen a etiqueta, da que será unha edición limitada co seu nome. As etiquetas foron doadas por Coreti Etiquetas e así o fixeron desde a primeira edición.

O importe íntegro da venda de “La Val Solidario 2021” será destinado a DisCamino.

Cun prezo de 9 euros, as botellas de “La Val Solidario 2021”, en colaboración con DisCamino, pódense comprar xa na tenda física de Bodegas La Val (Salvaterra de Miño), a través da súa tenda en liña (https://bodegaslaval.com/tenda/), ou na sede de DisCamino (Alento, C/ Pedra Seixa, 31 (Vigo), chamando ao 636 551 758 ou 618 241 124.

Este é o quinto ano que Bodegas La Val aposta por crear un “Viño Solidario”, un proxecto co que a adega quere mostrar o seu compromiso, non só cunha maneira especial de traballar a terra, senón tamén coa sociedade.

Esta acción naceu en 2017, onde a recadación da I Vendima Solidaria doouse a ASANOG (Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia); a II foi en favor de ASPANAEX (Asociación en favor das Persoas con Discapacidade Intelectual da provincia de Pontevedra), a III doouse á Asociación Alento (Asociación de Dano Cerebral) e a IV á Fundación Menela (Rede de Servizo para o Autismo e a Dependencia).

Para o próximo setembro, Bodegas La Val xa baralla varias Asociacións coas que colaborar na que sería a súa VI Vendima Solidaria.

DISCAMINO naceu no ano 2009, destinada a posibilitar a realización do Camiño de Santiago a todas as persoas con discapacidade que mostren interese neste roteiro de peregrinación como vía de superación persoal ademais de difundir os valores da cultura do deporte e do esforzo, así como o recoñecemento e a valía de todas as persoas, independentemente das súas características.

Na actualidade, DisCamino conta con case 40 voluntarios que co seu traballo posibilitaron que ata o de agora 305 persoas con discapacidade puidesen vivir a experiencia do Roteiro Xacobeo. En total, desde hai xa 11 anos e de maneira ininterrompida, realizáronse 80 camiños, entre os que destacan catro veces o Camiño Francés, dous a Vía da Prata e distintas probas deportivas como a volta ciclista a España, a volta ciclista por Andalucía, a volta ciclista polo Cantábrico ou os roteiros polos Alpes e os Pireneos.