O atleta gondomareño Adrián Bernárdez proclámase subcampión galego en 100 e 300 metros

Novo éxito da Sociedade Atlética Val Miñor e os seus atletas da categoría Sub-16, quen acudía este pasado sábado ao Campionato Galego na localidade da Coruña. Destacando a gran actuación do velocista gondomareño Adrián Bernárdez Domínguez, quen se proclamou subcampión de Galicia en 100 e 300 metros obtendo un botín de dúas medallas de prata. Conseguindo ademais unha marca nos 100 metros de 11.68 segundos, que lle dá moitas opcións de participar no Campionato de España que se celebrará os días 23 e 24 deste mes de xullo, na cidade asturiana de Avilés.

Tamén destacar as actuacións de Uxía Vidal Márquez en 300 metros valas cun 6º posto, de Xesús Martínez Rodríguez en salto de lonxitude obtendo o 7º posto final. Así como as actuacións das súas relevistas 4×100 tanto femininas (Uxía, Noa, Amelia e Isis) como masculinos (Xesús, Adrián, Nicolás e Fernando).