Os festivais de música e os roteiros volven destacar na programación estival de Nigrán

O Concello de Nigrán arranca hoxe con “Solpor Monteferro” (día 1 e 2) a súa oferta cultural de xullo dando protagonismo como é habitual á mellor música nos mellores escenarios do mundo, como é o caso deste festival no miradoiro, Vive Nigrán no campo de fútbol de Lourido (15, 16 e 17), SonaGaifar en Panxón (8 e 9) e Nigranjazz no esteiro de A Foz (29 e 30). Esta fin de semana súmase ao Solpor o festival de música sacra Ars Canendi o sábado na Igrexa de San Fiz desde as 19:00 horas e o domingo no Pavillón Municipal de Panxón co concerto de Abraham Cupeiro ás 20:00 horas. Os tres eventos son gratuítos ata completar o aforo.

Neste mes de Xullo, o Concello mantén a súa aposta de descentralizar o turismo de praia coa realización de diferentes roteiros guiados, “Música nas Parroquias” coas festas de Parada, Praia América e San Fiz e eventos diferentes como a “Festa dos avós” (26), festival de habaneras e boleros (9), mercadiños, etc ou a novidade de “Ioga no Solpor” (12 e 28 na Praia de Patos). Ademais, tras dous anos limitados pola pandemia, as food-truks regresarán á Alameda de A Ramallosa con Rilla na Rúa (do 19 ao 25). Baixo o lema “Nigrán, equilibrio natural”, o Concello pretende un ano máis dar cabida a todo tipo de públicos ao tempo que pon en valor a totalidade do municipio. Toda a programación polo miúdo está dispoñible na web municipal (Portada-Próximos Eventos).

As actividades deportivas tamén serán as protagonistas do inicio do verán coa Travesía a Nado Costa Serena deste domingo en Praia América ou o campionato galego de dupletas en Porto do Molle (día 10) e torneos de volei-praia ou tenis praia aos que hai que sumar as tradicionais actividades como zumba, pilates ou tai-chi e inchable de fútbol en Patos.

Novamente, o consistorio aposta polo grupo local Teatro do Ar o día 22 no esteiro de A Foz. Igualmente, os comerciantes de Nigrán celebrarán “Beachmarkets” os fins de semana no espazo deportivo Dunas de Gaifar e non falta o mercadiño multicultural en Praia América (con obradoiros infantís todos os sábados ás 18:00 horas) e o xa clásico de antigüidades o día 25 no Paseo de Panxón, sumado ao “Mercado Revolto” (17, 31).

“Como cada ano, queremos chegar a todo tipo de público ofrecendo actividades moi diversas para que ninguén se sinta excluído, a programación de verán é tamén un fiel reflexo do ‘Nigrán para todos’ do que sempre presumimos”, resume o alcalde, Juan González, quen incide en que se trata “dunha programación de continuidade” ao estar xa a maioría dos eventos moi consolidados no calendario local.