Nigrán ofrece actividades de ocio a 50 menores de toda España con enfermidade renal crónica

O Concello de Nigrán colabora co campamento para menores con enfermidade renal crónica da Federación Nacional Alcer na Residencia de Tempo Libre de Patos proporcionando actividades de ocio e facilitando os traslados aos centros de saúde ou hospitais daqueles que o precisan. Trátase dun campus estival que a entidade organiza cada ano en diferentes puntos do territorio nacional e que nesta ocasión ten lugar por vez primeira na Residencia de Tempo Libre de Patos do 25 de Xuño ao 2 de Xullo e que conta con 50 participantes de toda España de 8 a 17 anos.

O obxectivo do Concello de Nigrán é colaborar a que estas vacacións lles resulten de verdade inesquecibles, polo que lles está a ofrecer bautismos de surf adaptado a través das Escolas de Surf de Patos, piragüismo coa empresa local Ayuco Aventura, unha viaxe a Cíes… Ademais, o Concello tamén facilita o traslado aos hospitais para aqueles que precisan diálise ou outro tipo de tratamento.

“O noso lema de bo goberno é ‘Un Nigrán para todos’, así que para nós é moi importante que estes rapaces desfruten ao máximo deste campamento e asocien para sempre nas súas vidas Nigrán con ledicia. Afortunadamente temos xa moita experiencia coa realización de actividades deportivas adaptadas e estamos moi orgullosos de saber levalas adiante”, explica o alcalde, Juan González, quen onte acudiu a saudar aos participantes, entre os que hai transplantados ou en espera, en diálise…

Os menores con enfermidade renal crónica (ERC) teñen moi limitadas as súas posibilidades de ocio debido ás diferentes formas de tratamento que precisan. A limitación máis importante é o desprazamento a outras rexións pola súa dependencia de asistencia sanitaria continua, por iso desde 1981 a Federación Nacional de Asociaciones para la Lucha Contra la Enfermedad Renal (FNA Alcer) proporciona este programa de vacacións adaptadas as súas necesidades chamado “Campamento CRECE”. O obxectivo, ademais de propiciar ocio, serve de respiro familiar para os seus coidadores, establece hábitos de vida saudables fomentando o exercicio e unha alimentación acorde a cada situación, e ofrece unha contorna segura grazas aos servicios sanitarios da zona cos que previamente se coordina todo.