Anuncios
Ticker de novas

Rúa de Ángel Urzáiz (Hoxe Alférez Barreiro)

Tarxeta postal Nº A-45644 da Serie “Unión Postal Universal”. Rúa de Ángel Urzáiz. Nesta postal pódese apreciar a tranquilidade da Baiona de principios de século. Non había case coches e o tranvía aínda non chegara á vila, pois tal e como se ve nesta fotografía non había raís no pavimento da vila.

Ao fondo desta rúa, na que os nenos podían xogar sen perigo ningún, atopábanse as escolas regaladas polo marqués de Misa.

A primeira casa é a que hoxe ocupa a farmacia Isaskun. Os farois na época en que se tomou esta postal aínda non eran eléctricos.

Serie “Unión Postal Universal” propiedade de “El Universo”

Atopámonos ante unha Serie realizada pola tenda de ultramarinos “El Universo”, situada no paseo de Elduayen. Ademais desta serie, este comercio editou outra. Son dúas series de grande tipismo, das cales a primeira está numerada, polo que podemos saber que se editaron polo menos quince postais; pola contra, da segunda é difícil saber cantas visitas tiña. Estas postais deberon editarse na segunda década deste século. No anverso da primeira serie aparecía a lenda “Unión Postal Universal”, pero non así na segunda.

Publicado en “O Val Miñor na Tarxeta Postal” (1999) de Salvador Fernández de la Cigoña Fraga. Editado pola Deputación de Pontevedra.

Na actualidade, esta rúa leva por nome Alférez Barreiro, e onde estaba a farmacia Isaskun hai unha entidade bancaria.

Anuncios