Baiona dota de rede de saneamento o Camiño da Escola en Baíña

O Concello de Baiona dotou de saneamento o Camiño da Escola en Baíña. O Concello considera necesaria a obra, porque os residentes na zona trataban as augas residuais de maneira individual con fosas sépticas nas vivendas. Así mesmo, neste camiño tamén se sitúa “A Casa dos Veciños de Baíña”, unha antiga escola municipal que agora se utiliza como un centro social para os veciños desta parroquia.

O concelleiro de Vías e Obras, Óscar Martínez, sinala que con estas obras “mellórase a recollida das augas residuais domésticas e estímase que coa nova canalización elimínase o risco dunha contaminación dos terreos e mesmo do río”.

Pola súa banda, o Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, destacou a importancia desta obra que dará servizo ás vivendas deste camiño e “A Casa dos Veciños de Baíña”. Do mesmo xeito, darase continuidade á mellora de infraestruturas e servizos básicos dos diferentes barrios e parroquias do municipio. O rexedor reafirma o obxectivo do goberno local de completar o saneamento nos barrios e lembra que a dotación destes servizos aos núcleos da localidade “foi, e segue sendo, unha das nosas prioridades”.