Baiona prepárase para a visita do Buque Escola Juan Sebastián de Elcano

A Sala de Xuntas do Monte Real Club de Yates de Baiona albergou esta mañá a reunión de coordinación e seguridade que se establecerá con motivo da próxima visita do Buque Escola Juan Sebastián de Elcano, na Baía de Baiona, prevista para o luns 11 de xullo, nunha xornada na que o Concello, en colaboración co Monte Real Club de Yates, teñen programados diversos actos de Homenaxe á Armada Española, con motivo da celebración do V Centenario da Primeira Circunnavegación á Terra.

Na devandita reunión, presidida de maneira conxunta por Carlos Gómez, Alcalde de Baiona, e José Luís Álvarez, presidente do Monte Real, estiveron presentes representantes de institucións como Salvamento Marítimo, Garda Civil, Capitanía Marítima, Gardacostas de Galicia, Armada Española e Escola Naval Militar de Marín, entre outras. Toda a información respecto á arribada do Juan Sebastián de Elcano será facilitada o vindeiro martes 5 de xullo, tras a presentación oficial no Monte Real Club de Yates.