Volven as visitas guiadas gratuítas de verán e “Xoves no Camiño” a Baiona

O Concello de Baiona aposta por diferentes iniciativas coas que dar a coñecer a riqueza patrimonial e cultural do municipio con diferentes programas de visitas gratuítas coas que reactivar o sector turístico tras o Covid-19. Deste xeito, a Concellería de Turismo volve retomar a oferta de visitas guiadas durante o verán que tan boa acollida ten na Vila. A cidadanía de Baiona e as persoas visitantes poderán gozar do amplo patrimonio cultural do municipio acompañados por unha guía oficial os martes e sábados desde o próximo 5 de xullo ata o 31 de agosto. O punto de encontro para a saída será o exterior da Oficina de Turismo de Baiona (entrada ao Parador). Durante os sábados do mes de setembro tamén se ofertarán estas visitas guiadas gratuítas.

As visitas son gratuítas e é necesaria a inscrición previa na Oficina de Turismo de Baiona no correo electrónico oficinadeturismo@baiona.gal ou por teléfono no 986 68 70 67. Durante 90 minutos, unha guía oficial de Galicia acompañará aos participantes durante un interesante percorrido por diferentes lugares emblemáticos da localidade, entre os que se atopan o Monumento Encontro Entre Dous Mundos, o Paseo Ribeira, cun percorrido polo Casco Histórico finalizando no paseo marítimo.

“Xoves no Camiño”

Tamén regresa á axenda baionesa a iniciativa “Xoves no Camiño”, o programa posto en marcha para dar a coñecer o paso do Camiño Portugués pola Costa polo municipio. O primeiro roteiro será o vindeiro xoves, 14 de xullo. Así, todos os xoves desde esa data e ata o 25 de agosto, baioneses e visitantes poderán gozar deste roteiro. O punto de partida será a oficina de turismo ás 10:00 horas. O percorrido será en dirección á Praza de Santa Liberata e continuará o trazado do Camiño Portugués pola Costa nas rúas Manuel Valverde, rúa Conde e O Burgo, a Praza Victoria Cadaval de Sabarís, finalizando o traxecto na Igrexa de Santa Cristina.

O percorrido é lineal e a guía que acompañará ao grupo realizará o regreso a Baiona camiñando polo Paseo Marítimo. Os participantes terán a posibilidade de acompañala ou regresar por libre. A duración aproximada do roteiro é de 2 horas e 30 minutos cunha distancia aproximada de 3,5 quilómetros. A dificultade do traxecto é baixa. Recoméndase levar roupa e calzado cómodo, así como auga e protección solar. As prazas son limitadas, polo que para esta visita será necesaria a inscrición previa na Oficina de Turismo (986 68 70 67).

Esta iniciativa gratuíta xorde para fomentar, incentivar e dar a coñecer o Camiño Portugués pola Costa, noveno roteiro de peregrinación declarado oficial hai dous anos, ao seu paso por Baiona.