Ribera Povisa dá a benvida a 50 novos profesionais de Enfermería

Ribera Povisa deu hoxe a benvida a 50 novos profesionais de Enfermería, TCAE (Técnicos en Coidados Auxiliares de Enfermería) e técnicos superiores en Imaxe e Medicina Nuclear, Radioterapia e Dosimetría e Anatomía Patolóxica e Citodiagnóstico recentemente titulados, que reforzarán o persoal durante o verán e incorporaranse á súa actividade laboral ao longo desta semana.

A eles sumaranse, de forma paulatina, outro centenar de traballadores, entre os que se atopan tanto médicos como rehabilitadores, auxiliares, camareiras, limpadoras e persoal de administración e mantemento. Deses 150 profesionais que entrarán de reforzo, unha boa parte quedará integrada no persoal de forma permanente, dentro da política de fidelización dos traballadores posta en marcha pola Dirección de Xestión de Persoas do hospital. Así, todas estas contratacións incrementarán a dotación global de Ribera Povisa, que no último ano xa consolidou emprego coa transformación en indefinidos de máis de 40 profesionais.

O acto de acollida contou coa participación do supervisor de Enfermería en UCI e de Formación, Pablo Bouza; o responsable de Prevención de Riscos Laborais, Francisco Álvarez; Fernando Groba, en representación da dirección de Enfermería, e a TCAE Begoña Rúa, que proporcionaron as primeiras indicacións, o calendario de formacións e as guías para unha incorporación laboral “fácil e amable”, en palabras de Pablo Bouza.

Como cada ano, Ribera Povisa sempre prioriza na súa política de contratacións aos alumnos do seu propio centro de estudos, tanto o de Enfermería como os dos ciclos medio e superior de Formación Profesional, o que supón un elemento de gran atracción para os mozos que inician a súa formación, sumado ao feito de que as prácticas se realizan desde o primeiro ano no que é o hospital privado máis grande de España.