O Álvaro Cunqueiro superou todas as expectativas no seu sétimo aniversario

Hoxe hai sete anos que o Hospital Álvaro Cunqueiro abrira as súas portas e atendera ao primeiro paciente. Neste tempo o hospital realizou unha actividade asistencial cuantificada en 229.600 ingresos, 83.400 intervencións cirúrxicas, 1,200.000 urxencias, e 2.600.000 consultas externas; ademais de traer ao mundo a 23.400 bebés.

Segundo afirma o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente “o que este hospital ten acadado nestes 7 anos de funcionamento é algo moi inusual, conseguindo superar todas as expectativas ao posicionarse á vangarda dos principais hospitais de España, onde xa tense convertido nun referente nacional. Isto é froito da súa gran capacidade e, sobre todo, do excelente traballo e compromiso dos profesionais. Agora que o Álvaro Cunqueiro xa está consolidado toca seguir avanzando, sendo o momento de afrontar novas actuacións para reforzar a súa funcionalidade”.

Alta tecnoloxía e nova organización

Ademais das cifras de actividade, a implantación de alta tecnoloxía é outro dos elementos que mellor define a posición de vangarda en que se atopa o Hospital Álvaro Cunqueiro.

Equipos da área cirúrxica como o TC Intraoperatorio, o quirófano híbrido ou o equipo DaVinci de cirurxía robotizada, colocan ao centro hospitalario no “top” nacional de determinados procedementos e tratamentos cirúrxicos. Do mesmo xeito, cabe subliñar o seu laboratorio de Microbioloxía, hoxe en día referente nacional na loita fronte ao Covid, ou os equipos de alta tecnoloxía de imaxe diagnóstica de última xeración.

Estes novos equipos tecnolóxicos foron da man de importantes cambios organizativos e asistenciais, creándose Unidades específicas para determinadas patoloxías, como a do Ictus, Sono, Ortoxeriatría, Xenética, Demencias, Coidados Respiratorios Intermedios ou a de Imaxe Cardíaca, entre outras, e que fixeron posible a introdución de maiores prestacións e técnicas innovadoras na carteira de servizos hospitalaria.

Posta en marcha de procedementos pioneiros na pandemia

Mención especial merece a crise da pandemia da Covid19, un período no que o centro hospitalario demostrou a súa fortaleza e a súa capacidade, converténdose nunha referencia, xunto co resto da Área Sanitaria, na loita contra o virus e ofertando procedementos pioneiros en Galicia e en España, que posteriormente foron adoptados noutros centros hospitalarios.

Algúns deses casos foron, sen dúbida, os “Covid-Auto” ou o chamado Pooling, proceso do agrupamento de análise de mostras PCR, que posibilitaron incrementar a capacidade diagnóstica da Área.

Neste contexto, cabe subliñar tamén a creación da Unidade Postcovid, de seguimento de pacientes que padeceran a enfermidade.

Novos servizos e equipamento

O hospital continúa imparable, e segue crecendo e desenvolvendo novas potencialidades. Neste senso, o Consello da Xunta vén de aprobar a contratación de obras e adquisición de equipamento, por un importe de 5,7 millóns de euros.

Así, o Goberno galego desenvolverá, neste ano, os procesos para actuacións de reforma na infraestrutura e, deste modo, proceder á habilitación de espazos para cinco unidades novas que suporán un investimento total de 2,6 millóns de euros e mellorarán a atención en áreas como a saúde mental, a cardioloxía, a hospitalización a domicilio, a anatomía patolóxica e tamén a atención ás enfermidades raras.

Ademais, os orzamentos da Xunta de 2022 contemplan outra partida de 3,1 millóns, que se utilizará para a compra de equipamento destinado á nova sala de intervencionismo e endoscopia avanzada do Servizo de Dixestivo, coa posibilidade de realización de técnicas máis avanzadas; e para equipar o novo Servizo de Cirurxía Maxilofacial. Tamén adquiriranse aparataxe para outros servizos como unha torre de laparoscopia para o de Cirurxía Torácica e un equipo de urodinamia para o Servizo de Uroloxía.

Respecto da dotación das cinco novas unidades, vanse investir preto dun millón de euros para a de Hospitalización Psiquiátrica Infanto-Xuvenil, da que xa está adxudicado o proxecto e en fase de licitación a obra, potenciando así o desenvolvemento do Plan de Saúde Mental e dotando a Galicia dunha segunda unidade de hospitalización para pacientes agudos de saúde mental infantís e xuvenís, que se converterá en referente para todo o sur da comunidade.

Para a novo espazo da Unidade de Enfermidades Raras, a Xunta destina máis de 150.000 euros, cumprindo así a Estratexia Galega de Enfermidades Raras. Esta unidade comezou a funcionar en febreiro deste ano e a obra do novo espazo xa está en fase de licitación.

O orzamento para a nova Unidade de Necropsias será de preto de 300.000 euros, o proxecto xa está adxudicado e a obra en fase de licitación, o que permitirá que os profesionais de anatomía patolóxica poidan practicar en Vigo necropsias de nivel de protección 3.

No que atinxe á Unidade de Rehabilitación Cardíaca, a Xunta destinará 530.000 euros. Xa está licitado o proxecto e a obra licitarase á volta do verán co obxectivo de crear unha área que axude a mellorar a calidade de vida dos pacientes da área de Vigo que se recuperan dun ingreso ou dunha intervención cardíaca, controlando os seus factores de risco, reducindo os reingresos e facilitando a súa reincorporación laboral.

Por último, a nova Unidade de Hospitalización a Domicilio contará cun orzamento de máis de 500.000 euros. Está en fase de licitación do proxecto e a previsión é licitar a obra antes de rematar o ano.

13 millóns para a mellora do diagnóstico por imaxe na área de Vigo

Ademais, cabe subliñar que tamén vaise renovar e ampliar o equipamento de diagnóstico por imaxe. En concreto, cinco TACs, tres gammacámaras, dúas salas de hemodinámica, dúas resonancias magnéticas, un equipo de anxiografía vascular e un PET. Estas renovacións suporán un investimento total de máis de 13 millóns de euros.