A Pinta regresa a Baiona completamente renovada

Sobre as 16:00 horas, A Pinta entrou de novo na baía de Baiona, tras un período de reparacións na os estaleiros “Montenegro” de Vigo. Pero nesta ocasión deuse un paso máis aló e á varada de mantemento rutineira, programada de acordo co protocolo do departamento de Cultura, que contempla unha varada de mantemento en dique seco cada cinco anos, a última fíxose en 2017, sumáronselle outros arranxos máis en profundidade. Así, procedeuse ao cambio de toda a cabuxería, algo que a última vez que se realizou foi en 1999, aos seis anos de chegar a réplica, que foi construída hai 29 anos, no quinto centenario da chegada a porto da embarcación.

A réplica da Carabela Pinta de Baiona volveu ao pantalán Cristóbal García Sarmiento, onde levaba ancorada desde 1994. Co paso dos anos a copia do navío, onde Martín Alonso Pinzón trasladou a noticia do descubrimento da Indias, converteuse en símbolo de identidade da vila. A visita á réplica da Carabela Pinta é un dos grandes atractivos que ofrece a Real Vila, pola cuberta da embarcación pasa un gran número de persoas a visitar as instalacións e coñecer o seu interior, que alberga un museo colombino que recrea aos membros da tripulación, os indíxenas americanos e os obxectos traídos do novo mundo.

Tanto o Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, como a concelleira de Cultura, Miriam Costas Iriarte, achegáronse ata o pantalán para recibir á nave e coñecer de primeira man as melloras levadas a cabo. “Estivo varias semanas no estaleiro vigués e someteuse a intensivas reparacións. O casco e todo o barco foi sometido a unha limpeza integral e renovouse a pintura en toda a embarcación. Así mesmo, renováronse tanto as poleas, como as bigotas, as patecas, xarcias, máis de corenta motóns novos… tamén se procedeu ao cambio de toda a cabuxería, algo que non se facía desde 1999. Utilizáronse ao redor de 2.200 metros de cable para renovar a caboxería”, destaca o rexedor.

Tamén se instalaron completamente novos a verga da maior, o mauprés de proa, amantillos e aparello real igualmente completamente renovados, e renovouse a iluminación exterior de cuberta. “Trátase dunha aposta clara pola cultura, o turismo e a conservación do noso patrimonio, polo que a estes traballos sumarase a actualización da museografía da Réplica da Carabela Pinta, que se realizará ao longo desta semana”, sinalou o Alcalde, Carlos Gómez, quen matizou que estes traballos levaranse a cabo con cargo ao proxecto Exploraterra, unha iniciativa á que o municipio baionés adheriuse o pasado mes de febreiro e que nace co obxectivo de promover e preservar o patrimonio cultural das grandes expedicións marítimas xeográficas españolas e portuguesas da historia.

Haberá que esperar ao próximo luns, 4 de xullo, para descubrir toda a renovación da museoloxía, este mesmo día farase unha presentación oficial da renovada nave tanto na súa cuberta como no seu interior. O propio martes, día 5 de xullo, abrirase de novo ao público.