Podemos Baiona solicita a protección e posta en valor da estación de arte rupestre Outeiro dos Lameiros

O Círculo Podemos Baiona vén de solicitar por rexistro que o Concello protexa e poña en valor a estación de arte rupestre Outeiro dos Lameiros. “O gran tesouro arqueolóxico de Baiona derrúbase”, así o denunciaban dende a Comunidade de Montes de Santa Cristina da Ramallosa fai case un ano, non obtendo resposta por parte de Alcalde, que só se limitou a afirmar a necesidade de “poñerse mans á obra” a pesar de contemplar a protección, conservación e divulgación dos restos arqueolóxicos no seu programa de goberno.

Transcorridos 42 anos dende o seu descubrimento e despois dos traballos de prospección, documentación e rexistro dos petróglifos, “o xacemento atópase nun estado de conservación deficiente”, lamenta Agustín Silva, novo voceiro da formación morada en Baiona, despois de ser elixido para o cargo na asemblea local o pasado 12 de xuño, relevando a José Ramón Estévez da portavocía. O esquecemento e a falta de vontade política son o maior risco para a defensa do noso patrimonio, o que supón unha grave ameaza para o conxunto arqueolóxico. “Non se está actuando en consideración ante a situación na que se atopan os petróglifos, catalogados como BIC”, sinala Silva.

Os petróglifos de Outeiro dos Lameiros son para a maioría da poboación de Baiona o noso gran tesouro arqueolóxico. Cómpre lembrar que segundo o artigo 3, apartado 2 da Lei 5/2016 do 4 de maio de 2016 do Patrimonio Cultural de Galicia: “As entidades que integran a administración local teñen as obrigas de protexer, difundir e fomentar o valor cultural dos bens, adoptar medidas cautelares en caso de emerxencia cando viren a súa integridade ou valor ameazados, e comunicarlle á Xunta de Galicia calquera ameaza ou dano que sufran”.

Por todo isto, dende Podemos Baiona solicitan ao Concello establecer un convenio de colaboración coa Comunidade de Montes de Santa Cristina da Ramallosa para o mantemento e limpeza da estación rupestre, a correcta sinalización e colocación de paneis informativos na vila, nas zonas de acceso, así como mellorar os do arredor dos petróglifos, a súa posta en valor a través de unidades didácticas (folletos, trípticos etc) e a súa inclusión nas distintas ferramentas de promoción turística (web, medios de comunicación, etc..) das que dispón o Concello, así como a realización de actividades e visitas de balde organizadas e impartidas por persoal da oficina de turismo do Concello de Baiona ou da propia comunidade de montes.

A formación local de Podemos tamén solicita a consignación orzamentaria para os traballos de rozadura e mantemento na partida asignada para a conservación do patrimonio nos orzamentos para o 2023, e a solicitude de partidas adicionais tanto á Deputación de Pontevedra e á Xunta de Galicia para financiar o desenvolvemento da posta en valor dos petróglifos.