Nigrán blinda as dunas de Panxón e pecha un dispositivo de San Xoán con máis de 200 persoas

O Concello de Nigrán recupera o dispositivo anterior á pandemia para a noite de San Xoán en Praia América e por ese motivo iniciou onte a blindaxe da zona dunar, onde tamén se instalarán potentes focos para mellorar a vixilancia por parte do Seprona. Neste dispositivo especial despois de dous anos sen fogueiras na praia participará a totalidade da Policía Local con algo máis de 30 efectivos aos que se sumará Garda Civil e axentes de Tráfico, Seprona, Policía Autonómica, bombeiros do GES con camión motobomba e Protección Civil, sumando entre todos máis de 200 persoas. Entre eles haberá axentes non uniformados para poder previr con maior anticipación situacións delituosas como furtos ou conflitos.

Xuntos establecerán un amplo perímetro que se encargará de realizar controis de drogas e alcoholemia nas saídas e cruces de todas as estradas comprometidas; vixiarán posibles furtos, venda de alcohol a menores, alteracións da orde pública, etc. A maiores, como vén sendo habitual, a zona contará cun hospital de campaña e un Punto Violeta de atención a posibles casos de violencia de xénero.

“Temos todo disposto e completamente coordinado para que, como cada ano, a noite transcorra con normalidade, sen incidentes, e que, polo tanto, as fogueiras sexan as auténticas protagonistas da festa máis señeira de Nigrán”, resume o rexedor, quen incide en que desde as 21:30 a brigada medioambiental composta por voluntariado estará informando sobre #SanXoanSenLixo2022 para que a praia amenza libre de residuos, ao tempo que os 30 efectivos de Protección Civil reforzarán esta mensaxe por megafonía e a través do seu persoal.

Nesta ocasión, ao non terse constituído Comisión de Festas de Panxón, non haberá os habituais postos de feirantes pero, sen embargo, o Concello de Nigrán asume ao 100% a programación cultural. Así, na propia noite do día 23 será o monólogo ás 20:30 horas no porto pesqueiro do famoso cómico galego Sergio Pazos, quen a través deste espectáculo ponlle humor á pandemia e introduce un necesario vis cómico á actualidade. Unha forma de ver a realidade da forma máis optimista posible. Xa ás 22:00 horas será a gran verbena a cargo de Grupo América e á medianoite se prenderán as fogueiras.