Diante do anuncio feito polo Alcalde de Gondomar, segundo o cal vai repartir entre a hostalaría e o sector do taxi 100.000 € , dende Manifesto Miñor, ademais de considerar ese feito un xesto con pouco percorrido no tempo de escasa eficacia, queren denunciar que “estamos diante dunha subida de ton na deriva caciquil do Sr. Ferreira. Ante a ausencia de ideas e políticas para reactivar o comercio, a hostalaría e os servizos de Gondomar, o Goberno Municipal decide tirar de talonario e repartir os cartos de todos sen obxectivo ningún. Un simple cálculo matemático dinos que repartir 100.000 € entre 150 negocios (aprox.) vén saíndo a 666 €/ano para cada un… e despois qué?
Antonio Araújo di que “se o Sr. Ferreira e o seu goberno queren axudar de verdade ao comercio local, á hostalaría, ás pequenas empresas de servizos e aos taxistas, a estratexia é outra. De entrada falar cos propietarios ou responsables dos negocios e cos comerciantes afectados, procurando que as axudas perduren no tempo, pois lamentablemente a crise provocada pola Pandemia vai para largo”.
Para Manifesto Miñor as axudas deben pasar por unha rebaixa ou bonificando nun 90, 95, 99%… en todos os impostos e taxas municipais: IBI, auga, lixo, etc; por abrir as rúas peonís ao tránsito rodado nos horarios de comercio; por volver a Feira, “que hoxe morre de pena os martes, para os sábados”; pola promoción mediática da Vila de Gondomar como un espazo amable onde se pode mercar de todo e de calidade, etc, etc. E todo isto dentro dunha plataforma municipal propia de venda on-line xestionada polo Concello, comerciantes, hostaleiros e pequenos negocios instalados en Gondomar, e en todo caso que os 100.000 € sexan empregados para estimular o consumo na localidade como xa están a facer noutros concellos de Galicia.
Estas son as propostas que fai Manifesto Miñor co ánimo de axudar e colaborar na recuperación do comercio local, e que serán debatidas no vindeiro Pleno Extraordinario (aínda sen data) que tiveron que convocar dende a oposición “xa que o Sr. Alcalde é pouco dado ao diálogo e moito menos a admitir as ideas ou as propostas dos demais, que por certo tamén representamos a miles de gondomarenses”.

