Deteñen a 60 persoas relacionadas co tráfico de drogas e a fabricación de narcolanchas

O Equipo de Delincuencia Organizada e Antidroga (EDOA) da Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Garda Civil de Pontevedra xunto co Órgano de Coordinación contra o narcotráfico de Andalucía (OCON SUR), ademais da Policía Judiciaria de Portugal explotaron na madrugada do pasado día 21 de xuño a operación “ENDURANCE” dirixida polo xulgado de instrución nº 8 de Vigo.

Procedeuse á detención de 59 integrantes dunha organización criminal asentada ao longo da xeografía española así como no norte de Portugal, dedicada presuntamente á fabricación, posta a punto e almacenaxe dunha gran cantidade de embarcacións tipo EAV coñecidas como narcolanchas.

As investigacións iniciáronse en febreiro de 2021 cando os axentes do Equipo de Delincuencia Organizada e Antidroga (EDOA) da Garda Civil de Pontevedra tiveron coñecemento de que, nunha nave sita no polígono de Cotogrande, en Puxeiros, Vigo estaríanse a fabricar embarcacións empregadas posteriormente na introdución de grandes cantidades de haxix en augas do Estreito de Xibraltar.

Froito das investigacións púidose comprobar que existía un armazón, perfectamente estruturado, que abarcaba todo o proceso, desde a fase inicial de construción e finalización das EAV no sur de Galicia e no norte de Portugal pasando por empresas de transporte que trasladaban as mesmas a naves seguras que a organización dispoñería en provincias como Toledo e Sevilla, onde acabarían de pertrechalas antes da súa botadura ao mar en distintas localizacións da xeografía nacional, preferentemente en augas de Andalucía.

A organización, contaba con membros cunha alta especialización tanto para a fabricación, custodia e finalización das embarcacións.

Grazas a este labor púidose aprehender a inicios do mes de xuño 1.000 quilogramos de HACHIS alixados por unha destas embarcacións tipo EAV na praia do Vigía, en Mazagón, Huelva.

No dispositivo procedeuse á realización de 59 detencións nas provincias de Pontevedra, Ourense, Barcelona, Tarragona, Toledo, Cádiz, Huelva, Málaga, Sevilla e de Almería. Ademais do anterior, solicitouse unha Orde Europea de detención en Portugal, por parte do Xulgado que entende da causa, que levou a cabo a Policía Judiciaria, detendo a un dos principais investigados, o cal se atopaba fincado en Portugal.

Realizáronse numerosos rexistros en domicilios na provincia de Pontevedra, en naves sitas en distintas localidades de Portugal como Ponte da Lima, Valença, Paredes de Coura, Monçao, así como das provincias de Toledo, Sevilla, Huelva, Xirona e Barcelona intervindo cascos e moldes de EAV de grandes dimensións, alcanzando os 12 metros de eslora, potentes motores foraborda de 300, 350 e 400 cv, cabezas tractoras e remolques utilizados no transporte das embarcacións así como abundante documentación e material informático.

Entre as 47 embarcacións incautadas, entre España e Portugal, máis dunha decena delas estaban totalmente preparadas para a súa navegación e en disposición de ser empregadas na introdución de grandes cantidades de substancias estupefacientes.