A Garda Civil localiza na A-55 a un home desorientado que se perdeu en Vigo

A Garda Civil auxiliou a unha persoa que camiñaba desorientada pola beiravía, á altura do Km. 7,5 da autovía A-55, no termo municipal de Vigo. Trátase dun home de 68 anos, con demencia senil, veciño de Vigo, que desaparecera horas antes cando se atopaba coa súa familia nun centro comercial de Vigo.

O amplo operativo de procura que se montou en colaboración cos efectivos de Policía Nacional e Policía Local, deu os seus froitos cando, sobre as 18:00 horas, unha patrulla do Destacamento de Tráfico da Garda Civil do Porriño, localízao deambulando pola beiravía da autovía A-55, sentido O Porriño.

Despois de tranquilizalo e poñelo fóra do alcance da circulación rodada para evitar un atropelo, pasouse aviso ás asistencias sanitarias e á familia, que compareceu inmediatamente no lugar para facerse cargo do home, que resultou ileso.

Con esta actuación, que foi coordinada pola Central COTA do Subsector de Tráfico da Garda Civil, a patrulla evitou que fose atropelada esta persoa, que camiñaba desorientada pola autovía nun punto moi perigoso da rede viaria.