Protección Civil Val Miñor súmase ao reto #SanXoanSenLixo

Protección Civil Val Miñor sumarase ao reto #SanXoanSenLixo2022 do Concello de Nigrán concienciando mediante megafonía durante a noite das fogueiras en Praia América sobre a importancia de non deixar lixo e tamén a través da súa trintena de voluntarios mobilizados ex-profeso para esta festa. O Concello disporá de contedores separativos nas entradas ao areal e, paralelamente, contará novamente cunha brigada de medioambiental de voluntarios que, en quendas dunha hora, tamén axudará a sensibilizar aos asistentes (o prazo para participar está aberto ata hoxe mércores 22 de Xuño, sendo preciso anotarse a través do formulario web http://www.nigran.es, cada inscrito será agasallado cun bautismo de surf grazas á Asociación de Escolas de Surf de Patos).

Baixo a premisa “Repitamos o reto, o mar non é un vertedoiro”, o Concello de Nigrán lanzou de novo este ano o desafío #SanXoanSenLixo2022 motivado polo éxito acadado no 2019 (último ano que houbo fogueiras en Praia América-Panxón e cando se fixo por vez primeira). Futbolistas de Nigrán como Kevin Vázquez (R.C.Celta), Santi Comesaña (Rayo Vallecano) ou Miki Villar (Ibiza) xunto a deportistas como a atleta Desirée Vila, o campión do mundo de surf adaptado Aitor “Gallo”, o adestrador do F.C. Barcelona feminino Jonatan Giráldez, ou artistas como Serafín Zubiri “apadriñan” este reto consistente en compartir unha fotografía ou vídeo en redes sociais cun cartel baixo a etiqueta #SanXoanSenLixo2022. O obxectivo é que novamente esta campaña sexa viral e outra vez o areal volva a amencer limpo grazas ao civismo dos participantes.

O Concello de Nigrán, consciente da enorme cantidade de residuos que se xeran esa noite, especialmente vidro e plástico, fai un chamamento á responsabilidade de cada un para que non se contamine a area nin chegue ao mar. “Queremos repetir o éxito de 2019 no que por vez primeira Praia América amencía limpa. Os servizos de limpeza do Concello van acudir coma sempre, pero do que se trata é de que os participantes tomen conciencia, non debemos esperar a que ninguén recolla o lixo por nós”, explica o alcalde, Juan González. “Cremos que a xente, especialmente a mocidade, está cada vez máis comprometida co medio ambiente e sabe que isto inclúe tamén aos océanos, en Nigrán apelamos a esa conciencia medioambiental e non recorremos á prohibición. A festa non ten que estar rifada con estes principios, Praia América é un tesouro natural e é responsabilidade de todos preservala”.

Brigadas medioambientais

Con este obxectivo o Concello repetirá a organización de 2019 instalando illas de reciclaxe a pé de praia e creará unha brigada medioambiental formada por voluntarios que creen conciencia durante a noite (en quendas dunha hora a partir das 21:30) invitando aos asistentes a facer a recollida selectiva e informando da situación dos contedores. Os participantes nesta brigada serán agasallados cun bautismo de surf gratuíto durante o Patos Surfing Day (26 de xuño) grazas ás escolas de surf de Patos. Os interesados poden anotarse a través dun formulario web en http://www.nigran.es. “Trátase dunha iniciativa que funcionou moi ben no 2019, con moi boa acollida entre a mocidade presente na praia, e que consideramos moi importante para que o reto se faga realidade, por iso animamos á xente a que doe unha hora do seu tempo a este cometido”, indica.