A firma de moda inclusiva do Centro Juan María terá o seu espazo no parque comercial Nasas Nigrán

O alcalde de Nigrán, Juan González, e o director xeral de López Real 21, promotores do parque comercial Nasas Nigrán, José Antonio García, comunicaron oficialmente este venres ao CEE Juan María o acordo para ceder un local comercial á firma de moda inclusiva “JuanMariaByLolola”. Esta tenda en Porto do Molle, sumada á que xa teñen nas mesmas condicións en Vialia, contribuirá a reforzar enormemente a marca. Precisamente, este proxecto de formación dual nado no 2019 froito da colaboración entre a deseñadora Lola Rande e o Centro de Educación Especial, foi seleccionado a semana pasada pola Fundación Alares como finalista dos “XI Premios a la Excelencia en la Inclusión Laboral y la Prevención de Riesgos Laborales de las Personas con Discapacidad”, resultado que se dará a coñecer nunha gala en Madrid este mércores 22 de Xuño.

“Nasas non só será un motor de emprego e riqueza para a comarca, se non que contribuirá á consolidación de JuanMariaByLolola como marca e como empresa”, destaca o alcalde, Juan González, quen louba o talante social e solidario do grupo López Real 21. “A marca JuanmariaByLolola é a mellor embaixadora do ‘Nigrán para todos’ que estamos a construír, por iso considerábamos fundamental que contase coa súa propia tenda precisamente en NASAS, e nese sentido hai que dicir que a dirección do parque comercial acolleu a idea con entusiasmo e, de feito, o ceden”, subliña o rexedor. “Para nós é unha oportunidade marabillosa porque garante a continuidade de JuanMaríaByLolola e, de seguro, permite contratar a máis persoas con diversidade, porque cómpre recordar que o noso obxectivo é o beneficio social, non o económico”, destacan desde o centro educativo.

“Somos un grupo inversor amable onde o que importan son as persoas, por iso temos a nosa propia Fundación López Mariscal con proxectos de diferente tipo e, tendo en conta que estamos en Nigrán, tiñamos claro que queríamos colaborar de xeito directo con entidades como o CEE Juan María”, sinala o seu director xeral, José Antonio García, quen visitou persoalmente o centro o pasado ano e quen destaca tamén o emprego inclusivo que xerarán as diferentes marcas con presenza no parque. “Será un centro comercial e de ocio moderno, competitivo, accesible e sostible” con especial atención a puntos de recarga para vehículos eléctricos, aparcadoiros de bicicletas, prazas familiares ou un punto click&collect para recoller pedidos de comercio electrónico.

Nasas-Nigrán será a gran novidade de 2022 en toda España, non contemplándose ata entón a apertura de ningún similar. Ocupará unha parcela de 60.000 m² desenvolvéndose máis de 30.000 m² de superficie comercial que darán cabida a 30 locais comerciais e de ocio; cun investimento de 55 millóns de euros e xerando máis de 350 empregos directos, 150 indirectos e 270 operarios en fase de obra. Entre as principais marcas que estarán presentes, figuran, en alimentación: EROSKI VEGALSA, en bricolaxe: LEROY MERLÍN, en equipamento do fogar/decoración: JYSK, SAKITO, MAX COLCHÓN, en deporte: SPRINTER, JOMA e DECATHLON, en moda: MERKAL, KIABI y PEPCO e JUANMARÍABYLOLOLA, en mundo mascotas: TIENDANIMAL, en ocio e restauración: McDONALDS, KFC, DIVERLAND, GYM, SUSIKO… Unha ampla oferta que permite calcular en 5 millóns o número de visitas no seu primeiro ano de apertura. “Vimos a completar a oferta comercial da comarca, non a competir”, engadiu José Antonio, quen subliña que López Real 21 é un grupo de capital 100% español, especializado precisamente en espazos comerciais de “proximidade” e transformación urbana.