29.000 quilos de alimentos recadados no #mayosolidario

A Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo recadou uns 29.000 quilos de comida de primeira necesidade, grazas á campaña #mayosolidario impulsada por Gadis durante o pasado mes de maio.

Trátase do resultado da devandita acción solidaria. En concreto, neses 29.000 quilos de alimentos inclúense as doazóns de produtos entregados por clientes e a propia cadea de alimentación, así como as achegas económicas realizadas ao pasar por caixa. Como xa vén sendo habitual desde o estalido da pandemia, esta Operación Quilo realizouse de maneira mixta, é dicir, houbo tanto doazóns físicas de alimentos como dinerarias.

Aínda que a acción solidaria impulsada por Gadis levouse a cabo durante todo o mes de maio, foi a fin de semana do 27 e 28 cando máis de 400 voluntarios do Banco de Alimentos participaron na mesma para reforzala coa súa presenza. Desde a ONG agradécese especialmente o labor de todos eles por animar e concienciar aos doantes que, como sempre, responderon á chamada solidaria.

A Operación Quilo con persoal da ONG desenvolveuse con éxito nunha trintena de supermercados Gadis da provincia, concretamente, en Vigo, Mos, Nigrán, Tui, Pontevedra, Cambados, Lalín, Marín, Sanxenxo e Vilagarcía.

Actividade do Banco

O Banco de Alimentos de Vigo repartiu máis de 2 millóns de quilos de alimentos durante 2021. Con carácter apolítico e aconfesional, na actualidade atende a unhas 22.000 persoas en situación de vulnerabilidade na provincia, ás que chegan a través das máis de 150 ONG e entidades homologadas coas que traballan.

Todos os seus esforzos van encamiñados a velar polo cumprimento dun dos dereitos humanos máis fundamentais: o acceso a unha alimentación suficiente, segura e saudable.