Nigrán recibe ao grupo de Discamino procedente de Barcelona

O alcalde de Nigrán, Juan González, recibiu este venres na Ponte Románica de A Ramallosa ao grupo de Discamino que está a realizar parte do Camiño de Santiago pola Costa xunto a un grupo de 30 persoas con diversidade do Instituto Médico Pedagógico de Barcelona. O rexedor realizou o percorrido ata Praia América-Lourido, onde o Concello convidou a todos a un chocolate con churros. O conxunto partiu o xoves de A Guarda ata Santa Marta (Baiona) e onte, na segunda etapa, desde Nigrán ata Vigo.

Francisco Javier Pitillas Torra é o responsable de Discamino, unha iniciativa que posibilita que persoas con diferentes tipos de discapacidade poidan realizar o Camiño de Santiago. Neste sentido, o Concello de Nigrán ten a honra de contar desde hai anos coa colaboración de voluntarios de Discamino, e do propio Pitillas, para que persoas con discapacidade poidan gozar de paseos ou roteiros nos vehículos deportivos adaptados adquiridos polo consistorio no 2017. “O deporte adaptado aporta calidade de vida e retos ilusionantes ás persoas con diversidade, beneficia incriblemente a súa saúde física e mental e subliña a necesidade dunha accesibilidade universal, polo que estamos moi agradecidos pola labor de Discamino neste sentido”, resume o alcalde, Juan González.