25 anos ao servizo do Val Miñor: máis de 2.000 voluntarios e máis de 31.000 actuacións

Protección Civil Val Miñor celebrou este sábado o seu 25 aniversario cun simulacro de rescate en colaboración cos diferentes grupos de emerxencias que prestan servizo conxunto na comarca: a Policía Local de Baiona, Gondomar e Nigrán, o GES do Val Miñor, Ambulancias Coexam, a Garda Civil do Posto Nigrán-Baiona, o Servizo Marítimo da Garda Civil, Gardacostas de Galicia e o Monte Real Club de Yates de Baiona. O simulacro baseouse na realización de tres exercicios diferenciados.

O primeiro executouse en Monteferro e contou coa colaboración de efectivos do GES Val Miñor, que foron os encargados de realizar a extracción dunha vítima con politraumatismo a través de técnicas de rápel e inmobilización. Neste caso, para dar seguridade ao exercicio, realizouse cun boneco que simula unha persoa real. Unha vez extraído, substituíuse por un membro do propio servizo de emerxencias para o seu traslado ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo no helicóptero de rescate “Pesca 1”.

O segundo exercicio consistiu no rescate de tres “náufragos” no litoral de Praia América por medio do helicóptero Pesca 1. Foron dous homes á auga e un terceiro en embarcación. O Servizo Marítimo da Garda Civil, coa presenza da súa embarcación Guadalupe, deu cobertura á seguridade do exercicio. Dúas embarcacións de Protección Civil, colaboraron no perímetro de seguridade. Unha vez extraídos da contorna marítima, foron trasladados polo helicóptero “Pesca 1” ao campo de fútbol de Lourido, para a súa asistencia e posterior avaliación polos servizos médicos.

O terceiro exercicio, unha vez que o helicóptero de rescate alzou o voo, realizouse un rescate dunha “vítima” en situación de afogamento por parte do Servizo de Socorrismo de Protección Civil, que consistiu na recollida do socorrista en terra por medio da moto de auga e o posterior rescate por este e as embarcacións. Xa en terra, a Garda Civil do Posto de Nigrán-Baiona, escoltou a dúas ambulancias da empresa “Ambulancias Coexam” a través das vías de acceso e evacuación que xa estaban coordinadas e restrinxidas ao tráfico por parte das Policías Locais de Nigrán, Baiona e Gondomar, que tiveron así mesmo participación no perímetro de seguridade. Protección Civil Val Miñor, pola súa banda, colaborou cos servizos sanitarios coordinando cortes de tráfico e seguridade perimetral.

Finalizados os exercicios, tanto o helicóptero de rescate “Pesca 1” como o sistema de ambulancias, camións do GES Val Miñor, patrullas policiais, etc. permaneceron no campo de fútbol de Lourido para que tanto menores como adultos puidesen gozar e coñecer de preto o helicóptero de rescate de Gardacostas de Galicia así como os diferentes medios que se utilizan nas operacións relacionadas coas emerxencias. Ademais, Protección Civil Val Miñor destinou unha zona para a realización dun obradoiro de Primeiros Auxilios para os espectadores do evento.

Protección Civil Val Miñor naceu en 1997 tras a fusión das Asociacións de Voluntarios existentes nos diferentes municipios da comarca. Na actualidade está composta por 130 voluntarios. Nestes 25 anos de servizo altruísta, máis de 2.000 voluntarios e voluntarias participaron en máis de 31.000 actuacións, entre as que destacan as inundacións de Sabarís, a vaga de incendios de outubro de 2017 ou o recente estado de alarma provocado polo Covid-19. Tamén colaboran nos eventos deportivos e culturais que se celebran en Baiona, Gondomar e Nigrán, e no servizo de salvamento e socorrismo das praias durante a tempada estival.

Con motivo das súas vodas de prata, a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil Val Miñor recibiu a Placa ao Mérito Categoría Ouro concedida pola Asociación Nacional de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de España, ANAV, nun acto que tivo lugar na sede da Academia Galega de Seguridade Pública, AGASP, na Estrada. O seu presidente, Iago Álvarez, acudiu á cerimonia acompañado de varios colegas da AVPC e do alcalde de Nigrán Juan González.


El pase de diapositivas requiere JavaScript.