Bronce para o Acro Club Nigrán no Campionato de España de Ximnasia Acrobática

O alcalde de Nigrán, Juan González, transmite os seus parabéns ao Acro Club Nigrán pola súa clasificación no Campionato de España, Nacional Base e Open Internacional de Ximnasia Acrobática que se celebra estes días en Sevilla coa participación de preto de 800 deportistas de todo o país. O club nigranés acudiu a este certame nacional con 14 nenas divididas en cinco equipos, acadando este mediodía o terceiro posto o alevín absoluto formado por Blanca García Pino (13 anos), Alexia Rajo Montenegro (13 anos) e Daniela Campos Losada (7 anos).

“É un orgullo que estas nenas, auténticas deportistas de elite, leven o nome de Nigrán por toda España e sexan un referente”, subliña o rexedor, quen lles entregou antes de partir unha camisola co logo “Nigrán, Equilibrio Natural” e quen louba o bo traballo do seu adestrador, Aaron Castro.

A aposta do Concello por este deporte é absoluta dado o gran interese que esperta entre a mocidade desde que primeiro se establecera como actividade extraescolar no CEIP Humberto Juanes e no 2016 se consolidase xa como club, colaborando o Concello coa adquisición do tatami de competición de 200 metros cadrados e cun custe de 14.700 € para poder adestrar no colexio.

Esta nova cita en Sevilla destaca polo volume de participación e pola relevancia da competición, unha das máis importantes de todo o país nesta disciplina. Anteriormente participaron en Portugal na Maia International Acro Cup, o certame máis importante do mundo de ximnasia acrobática. Igualmente, o Acro Club Nigrán vén de consolidar o seu liderado en Galicia ao subir ao podio con practicamente todos os equipos no Campionato Galego Absoluto e na Copa Galicia Escolar.