Nigrán despide os cursos de “Envellecemento activo” ata o mes de setembro

O Concello de Nigrán despide ata o mes de setembro os cursos de “Envellecemento activo” que 130 veciños maiores están a realizar no Centro da Terceira Idade da Ramallosa (“Informática básica”, “Memoria” para previr o deterioro cognitivo e “Vivilo Corpo”, dirixido a potenciar as capacidades motoras a través de exercicios de movemento e coordinación). Informática é impartido polo profesor xubilado Antonio Lago de xeito altruísta e os outros dous corren a cargo de Afaga, Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras demencias de Galicia (AFAGA).

“Son cursos con moitísima aceptación, están moi contentas (as usuarias son mulleres case o 100%) e agora toca o descanso vacacional de verán porque moitas delas reciben os netos na casa ou viaxan”, explica o alcalde, Juan González, quen acudiu a esta última sesión xunto á edil de Maiores, María Mayán.

Facer exercicio, manter a mente activa e non illarse socialmente son os tres eixos que os especialistas recomendan levar adiante para previr deterioracións cognitivas e neles se basea este programa que ofrece o Concello de Nigrán. O carácter fundamental é preventivo, e a súa finalidade é a de garantir unha maior calidade de vida dos nosos maiores tratando de evitar ou atrasar a aparición de problemas de memoria, do deterioro cognitivo, do Alzhéimer e doutros problemas de saúde e de incapacidades; pero tamén de mellorar aqueles que se poidan ter na actualidade e de acadar un maior grado de autonomía e independencia. “Apostamos por políticas que garantan a calidade de vida dos maiores, tamén con turismo social, bailes e mesmo o centro especializado en demencias neurodexenerativas en Panxón”, indica o alcalde de Nigrán, Juan González.