A Regata Solar Marine Instruments retoma a súa singradura tras tres anos de ausencia

Tras tres anos de ausencia involuntaria debido á pandemia provocada pola Covid 19, regresa a Regata Solar Marine Instruments na súa V edición, sendo a segunda para os coches solares que tamén se abriron camiño entre os participantes, máis de 200 que representan a 45 equipos, entre colexios e categoría aberta.

O acto de presentación desenvolveuse nas instalacións do Monte Real Club de Yates de Bayona, contando coa presenza do seu presidente, José Luís Álvarez; a do Alcalde de Baiona, Carlos Gómez; así como de María Troncoso, Xestora de Comunicación de Coca Cola; Sandra Brión, Business Development Manager de Marine Instruments; e Andrés Rodríguez, Sales&Marketing de Marine Instruments, entre outras autoridades.

Programada inicialmente para o sábado 18 de xuño, a previsión meteorolóxica para esta xornada, con choivas intermitentes e ceo cuberto, obrigou aos organizadores a tomar a decisión de trasladala para o xoves 23, tras consultar diferentes modelos meteorolóxicos que non garantían un tempo estable para este día, onde a luz solar é fundamental para alimentar as placas que son a verdadeira forza motriz dos prototipos.

A empresa de innovación tecnolóxica, Marine Instruments, segue fiel á súa filosofía inicial coa que sentou as bases da regata solar, que é o fomento da eficiencia enerxética entre escolares e afeccionados mediante a construción de prototipos solares, promovendo os seus primeiros pasos nestas tecnoloxías. Tanto a Regata Solar como a Carreira de Coches Solares propoñen a construción dun prototipo de radiocontrol 100% solar, fomentando a orixinalidade, o desenvolvemento tecnolóxico, a eficiencia do deseño e a sustentabilidade do mesmo.

Para este último punto tivéronse moi en conta os obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030 da ONU, elaborando unha serie de incentivos que animen aos participantes a idear solucións técnicas e deseños sostibles, respectuosos co medio ambiente.

Os requisitos das embarcacións e dos coches réxense por unhas normas comúns a todos os participantes, elaboradas por Marine Instruments e que contemplan que a única enerxía utilizada será exclusivamente a solar, xerada polo panel oficial de 100 W para as embarcacións e 50 W para os coches, non permitíndose o uso de acumuladores eléctricos. Tanto o panel como as baterías auxiliares entregadas por Marine Instruments serán os únicos materiais válidos.

Ademais, Marine Instruments entrega a cada equipo pertencente a algún centro escolar un mando de radiocontrol e unha axuda económica valorada en 100 € no caso das embarcacións e de ata 150 € no dos coches.

Categorías

Nesta edición existen dúas categorías diferentes:

  • Centros Educativos: inclúe ESO, Bacharelato e ciclos de FP. Nesta categoría non se permite a participación libre, polo que sempre deberá de haber un profesor no equipo.
  • Open: para todos aqueles entusiastas da tecnoloxía que queren cacharrear e competir con participantes de gran nivel.

Premios

Valorarase a eficiencia e funcionamento atendendo á súa maniobrabilidade, velocidade e resistencia tras superar as probas correspondentes e o seu posto na clasificación.

Tamén se terán en conta as posibles faltas ou penalizacións durante a regata. Segundo a categoría concederanse os seguintes premios:

  1. Centros Educativos: tres premios aos gañadores da competición con dotacións de 500, 400 e 300€ ou premio equivalente.
  2. Open: tres premios aos gañadores da regata con dotacións de 500, 400 e 300€.

Ademais, para todas as categorías existirá un premio común ao deseño e á sustentabilidade con dotación de 300€ ou premio equivalente. Este premio consta dunha serie de puntos obxectivos e subxectivos cunha nota máxima de 10 puntos, conseguindo o premio aquel equipo con máis puntos. En caso de empate será decisión do Xurado o gañador.

Xurado

O Xurado estará formado por Francisco Pino, Socio e Fundador de Marine Instruments, así como por responsables de diferentes áreas de investigación e desenvolvemento da empresa tecnolóxica.

Os lugares elixidos para ambas as dúas competicións son a Praia da Ribeira, no caso das embarcacións, e un circuíto montando sobre as canchas de baloncesto, para os coches de radio control.

A V Regata Solar faise realidade graza ao patrocinio do Excmo. Concello de Baiona, Monte Real Club de Yates de Bayona, GADIS, Coca Cola, TuyPan, Efectos Navales Jesús Betanzos, CETMAR, SC Robotics, SUNBEAM System e SusTunTech.

Toda a información sobre este evento pódese atopar en http://www.regatasolar.org