A Deputación pavimentará as dúas estradas que unen Panxón, Patos e Monteferro

O proxecto de pavimentación das estradas provinciais EP-2104 Panxón-Patos e EP-2105 que conecta con Monteferro, ámbalas dúas en Nigrán, vén de ser aprobado pola Deputación de Pontevedra. A actuación, valorada en 215.618 euros será licitada en breve co obxectivo de renovar o firme destas dúas estradas, situadas nunha das paraxes máis turísticas do Val Miñor e das Rías Baixas.

A estrada que une as praias de Panxón e de Patos, cunha traza total de 1.132 Km, será completamente repavimentada. A estrada provincial está plenamente integrada no viario de Nigrán, onde figura co nome de rúa de Tomás Mirambell. Pola súa parte, a estrada de Monteferro (no rueiro rúa de Monteferro), que entronca coa anterior e chega ata o alto do monumento á Mariña Universal, verá renovado o seu pavimento nos primeiros 780 metros, é dicir, na parte onde se sitúan as vivendas.

Para solucionar o desgaste parcial do actual pavimento, as obras comezarán coa demolición, saneo e fresado, así como a preparación do terreo con saburra, macadam e emulsión asfáltica antes de aplicar o novo pavimento asfáltico e o recrecido dos pozos de rexistro de tódolos servizos, incluíndo ademais tódolos pasos de peóns sobreelevados existentes. Ademais renovarase completamente a sinalización horizontal con pintura reflexiva branca. A Deputación aproveitará estas obras tamén para renovar e reforzar a sinalización vertical. O prazo de execución destes traballos será de catro meses.

Segundo o último estudo de aforos da Deputación, a vía provincial que enlaza as praias de Panxón e Patos rexistra unha intensidade media de circulación superior aos 2.500 vehículos diarios, mentres que a de Monteferro, soporta unha presión circulatoria máis contida duns 1.000 vehículos ao día. Non obstante, estas cifras dispáranse durante os meses de verán.