Volven os roteiros de sendeirismo “Baiona Natural”

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Miradoiro do Cortelliño.

O vindeiro domingo, 19 de xuño, volven os roteiros de sendeirismo “Baiona Natural”, coa denominada “A Groba Panorámica”. Deseñada para dar a coñecer o patrimonio natural de Baiona gozando da contorna panorámica da vila. O roteiro de 7 Km mostra a contorna marítima desde os mellores miradoiros do Alto da Groba. Entre os puntos de interese polos que transcorre atópanse: Miradoiro do Cortelliño, Miradoiro Alto da Groba, A Gabiñeira, Granxa da Tomada, Fonte da Groba. Terá unha duración aproximada de 3 horas, a súa dificultade é moderada e está recomendada para maiores de dezaseis anos. O roteiro é gratuíto e é necesaria a inscrición previa na Oficina de Turismo de Baiona no correo electrónico oficinadeturismo@baiona.gal ou por teléfono no 986 68 70 67.

“Baiona Natural”

A iniciativa bautizada como “Baiona Natural” permitiu habilitar novos roteiros de sendeirismo entre as catro parroquias do municipio. A primeira das sendas denominouse “Chan da Lagoa-Baíña”, tendo como eixo principal descubrir a historia pasada da Vila e visibilizar os vestixios que aínda podemos atopar. Ademais, potenciáronse os roteiros de “Descubre Baredo”, “A Groba Panorámica” e “A Groba Montañosa”. Catro roteiros polos montes da localidade para poñer en valor a súa riqueza paisaxística e etnográfica. Un itinerario de camiños que permitirá que os baioneses e visitantes poidan gozar dunha incrible variedade de lugares para practicar sendeirismo, pasear etc. á vez que se enriquecen do amplo patrimonio da vila.

Os roteiros deseñados pola empresa Baiventura, empresa local que levará a cabo os percorridos, celebráronse no mes de abril e maio. Tamén neste mes de xuño e en setembro. O baionés á fronte da empresa local, David Fontán, será o guía. Esta campaña enmárcase dentro da estratexia da a Concellería de Turismo de Baiona para reactivar o sector turístico na época post-COVID a través do ecoturismo. Deste xeito, compleméntase a oferta turística e cultural da localidade. Baioneses e visitantes poderán gozar dunha nova alternativa na que gozar do seu tempo libre.