O “Bosque da Lingua” estrea anfiteatro en Couso

Unha parroquia coma Couso, que apenas soborda os 400 habitantes, vén de rematar este martes 7 de xuño o seu flamante anfiteatro que recicla e aproveita unha vella canteira que antigamente extraía granito para facer postes da viña ou muros de casas e peches de leiras.

Situado no lugar do “Chan da Mamonda”, este espazo, destinado ao uso público, ten un aforo estimado de 100 persoas. O seu escenario de 25 m2 está aberto para acoller todo tipo de eventos musicais, culturais, educativos, formativos …, especialmente aqueles que teñen relación coa defensa do medio ambiente e a promoción da lingua galega, xa que esta realidade forma parte da vangardista iniciativa denominada “O Bosque da Lingua” promovida pola Comunidade de Montes de Couso.

Esta obra non sería posible sen toda a solidariedade recibida a través do “crowfunding” lanzado desde Couso para financiar o mencionado “Bosque da Lingua”. A obra ten un orzamento estimado de 7.000€ e forma parte do proxecto global e multidisciplinar no que se ten previsto investir 21.650€.

Un proxecto aberto e mancomunado que ten recibido a solidariedade desde moitos lugares de Galicia. Algúns recibidos desde lugares afastados da península coma Madrid, Cataluña, Portugal ou Alemaña. Todas estas achegas xa levan cuberto o 34% do orzamento completo do “Bosque da Lingua”.

A Comunidade de Montes de Couso quere expresar a súa gratitude con todas aquelas persoas que teñen feito contribucións para que este proxecto se fixese realidade e abre a utilización deste vangardista anfiteatro a todas aquelas persoas ou colectivos que promovan actividades de sensibilización co medio ambiente e coa lingua galega.